Galicia potenciará o Camiño de Santiago como eixo vertebrador das comunidades que conforman a marca España Verde e como exemplo do seu modelo turístico, baseado na calidade e a sustentabilidade. Avanzouno o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, durante un acto celebrado en Fitur no que se escenificou o traspaso de poderes do País Vasco a Galicia, que neste 2020 asume a coordinación das actividades desta marca turística que integra a Asturias, Cantabria, Galicia e País Vasco.
Durante a súa intervención, o titular de Cultura e Turismo destacou o modelo desenvolvido polas autonomías da España Verde, baseado na posta en valor dos recursos de cada territorio e potenciando elementos como a gastronomía, o patrimonio, a natureza, a paisaxe ou a propia Ruta Xacobea. Explicou que esta aposta por un turismo de calidade permitiu ás comunidades que conforman este proxecto avanzar en eixos estratéxicos como a descentralización de fluxos ou a desestacionalización da demanda, así como mellorar as súas variables turísticas, tanto en termos cuantitativos como en termos cualitativos.
Neste sentido, Román Rodríguez destacou o Camiño de Santiago como “feito diferencial” que distingue ás comunidades da España Verde doutros destinos e avanzou que durante este ano Galicia apostará por promover a Ruta Xacobea “con especial intensidade” aproveitando a proximidade do próximo Xacobeo 21.
O Camiño, un “valor seguro”
O responsable de Cultura e Turismo explicou que o Camiño é un “valor seguro” non só para as autonomías que conforman esta marca turística, “senón para todo o norte peninsular”. Tamén subliñou a súa capacidade para posicionar a Marca Galicia e a Marca España a nivel nacional e internacional, fomentando valores como a diversidade ou a multiculturalidade e favorecendo o desenvolvemento das zonas rurais polas que transitan os distintos itinerarios.
“Este ano, ás portas do vindeiro Xacobeo 2021 o Camiño debe ser a carta de presentación dos valores que definen o noso modelo turístico”, puntualizou Román Rodríguez nun acto no que tamén estivo presente a subdirectora xeral de márketing exterior de Turespaña, Ángela Castelo; a consejera de Cultura, Política Lingüística y Turismo de Asturias, Berta Piñán; a Consejera de Educación, Formación Profesional e Turismo de Cantabria, Marina Lombó, e a Consejera de Turismo, Comercio y Consumo de Euskadi, Sonia Pérez.