Este ano en FITUR asistimos á presentación dun novo xeodestino galego, o da Ría de Vigo-Baixo Miño, que nace co convencemento de ser singular e está integrado por A Guarda, Baiona, Fornelos, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui. Aproveitamos para faar con Sandra González, alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desarrollo Galicia Sudoeste Eurural (entidade que pilota o xeodestino), que nos conta as claves do proxecto.
Polo que comentástedes na presentación, nacedes convencidos de ser un produto potente e diferenciado...
O xeodestino Ría de Vigo-Baixo Miño ten moitísimo potencial turístico. A verdade é que estamos nun territorio con moitas cualidades: a Ría, o río Miño, unha fronteira con Portugal, moitos recursos naturais e patrimoniais, historia…
Creo que este paso que demos os 14 concellos de poñer en funcionamento o xeodestino foi algo interesante e intelixente. Estou convencida de que máis alá de que algúns concellos teñan máis tirón turístico, como poden ser Nigrán, Baiona, Tui, A Guarda… xuntos os 14 concellos somos infinitamente máis fortes, temos máis que ofrecer.
Presentádesvos como "o primeiro reino medieval de Europa".
Tui foi a capital do reino de Galicia, o lema vén por todo o que ten que ver coa historia desa capitalidade. De feito o primeiro produto turístico é unha postal sonora na que aparece unha imaxe de Tui, que se a pos nun gramófono sona e contén unha composición de Frai Rosendo Salvado. Imos tirar por patrimonio, que é un dos produtos. Logo hai dez productos que desenvolver: a auga, a pedra… todas as nosas potencialidades.
Cómo pensades promocionar este novo xeodestino?
Máis alá da feira o importante é sacar adiante os produtos turísticos. É un traballo que se desenvolverá nos próximos cinco anos, non é un traballo que se vaia a desenvolver xa. Cada ano iremos desenvolvendo un produto ou dous. Trataremos de facer difusión con touroperadores e tamén no propio territorio.
Entendo que buscades turismo de proximidade...
É moi interesante o turismo de proximidade, o turismo familiar, o turismo do estado español. Así como Galicia como país ten que facer turismo internacional, creo que nós debemos traballar un turismo de proximidade que tamén é un interesante. Cada vez máis familias viaxan tres, cinco días… Son bos turistas aos que lles gusta coñecer o patrimonio máis próximo e que representa un turismo de calidade, que deixa recursos.