Turismo de Galicia pide a colaboración das plataformas online para regular as vivendas de uso turístico
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro pediu onte no parlamento de Galicia que as plataformas online e inmobiliarias fagan visible o número de inscrición das vivendas de uso turístico que comercialicen, unha das novas medidas regulatorias impulsadas pola Xunta este ano co fin de que os usuarios poidan identificar claramente a oferta que cumpre coa normativa.
Neste sentido, recordou que desde o 1 de xaneiro é obrigatorio que todas as vivendas de uso turístico inclúan o número de rexistro, que avala a súa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT), nas plataformas informáticas, webs e entidades como inmobiliarias nas que se publiciten. Como recordou Nava Castro, é fundamental a colaboración destas entidades para “dotar a este mercado dunha maior transparencia”.
Tamén apelou ao Goberno Central, reiterando a petición de avanzar nun marco normativo que permita homoxeneizar os regulamentos postos en marcha polas distintas comunidades e dando as máximas garantías tanto aos usuarios como aos promotores deste tipo de vivendas e ás plataformas. Tamén recordou as reclamacións para que o Instituto Nacional de Estatística inclúa na súa contabilidade a esta modalidade de aloxamento