O concello de Vigo acaba de arrancar as obras de peatonalización da Porta do Sol, que o seu alcalde Abel Caballero definiu como "a obra civil simbolicamente máis importante que se fixo nunca" en Vigo e que resolverá unha "lagoa histórica" da cidade ao dotala da "gran praza" cidadá da que carece actualmente.
O Concello proxecta peonalizar a Porta do Sol aproveitando parte do aparcamento soterrado existente para facer un túnel desde Policarpo Sanz ata a rúa Elduayen, co que o tráfico gañará "fluidez". O orzamento da obra é de 17 millóns -cofinanciados con fondos FEDER da Unión Europea dentro do proxecto Vigo Vertical- e o seu prazo de execución ascende a 24 meses. O goberno vigués confía en compatibilizar o avance da obra coas grandes celebracións da cidade que alí se dan cita.
Con ornamentación, novo mobiliario urbano e unha "importante" zona verde, o alcalde confirmou que o Sireno continuará no seu actual emprazamento, como "elemento escultórico referencial" no entorno, e destacou que unha Porta do Sol peonil porá en valor os "notables" elementos arquitectónicos alí edificados.
Os traballos de peonalización da Porta do Sol contemplan tamén a instalación dun sistema mecánico de acceso á mesma desde Carral, dando continuidade ás escaleiras mecánicas que soben desde o Sireno ata o campo de Granada.