A sede da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de
Lugo (Apehl) acolleu a presentación do Programa Integrado de Emprego que
desenvolve esta Asociación dende o 15 de novembro de 2019 e durará ata o 14 de
novembro deste ano. A través desta iniciativa contactarase con máis de 100
persoas demandantes de emprego de Lugo e de Monforte de Lemos.
O acto contou coa presenza de Pablo Casal, director xeral de Orientación e
Promoción Laboral; José Manuel Balseiro, delegado territorial da Xunta de
Galicia en Lugo, e Jacobo García-Bobadilla, secretario da Apehl.
Pablo Casal salientou que “A Xunta de Galicia está apostando pola formación
xa que o persoal cualificado é fundamental para o crecemento e o
desenvolvemento correcto das empresas”.
Pola súa parte, García-Bobadilla insistiu nesta mesma idea, pois “o persoal
é o activo máis importante que temos nos establecementos hostaleiros e
necesitamos traballadores ben formados”.
O programa contará coas seguintes accións: información,
orientación e asesoramento; formación
transversal en idiomas, competencias dixitais para o emprego, prevención de riscos,
intelixencia emocional, busca de emprego; formación para o
emprego; realización do
certificado de profesionalidade; prácticas non
laborais en empresas; prospección
empresarial; emparellamento de
ofertas de traballo cos participantes e medidas de
conciliación da vida familiar e laboral.
Está dirixido a mulleres, persoas desempregadas menores de 30 anos con
baixa cualificación, persoas desempregadas con discapacidade e persoas
inmigrantes desempregadas. A Asociación conta cumprir co obxectivo de alcanzar un mínimo do 45 % de
insercións laborais.