A consellería de Cultura e Turismo vén de comprometerse a iniciar os estudios previos necesarios para proceder á declaración como Ben de Interese Cultural do xacemento do Adro Vello (O Grove), "cunha gran potencialidade vencellada ao turismo cultural” grazas á súa vinculación coa Traslatio.
Neste xacemento costeiro foi no que se atopou a moeda de Adro Vello, unha peza do século XII que representa a traslatio apostólica, “un punto estratéxico da tradición xacobea que compre potenciar e mellorar con vistas á celebración do Xacobeo 2021”, segundo o conselleiro Román Rodríguez.
Adro Vello foi obxecto de varias actuacións arqueolóxicas de escavación entre 1983 a 1990, baixo a dirección de José Carro Otero. Con posterioridade, foi obxecto de diversos proxectos de limpeza, consolidación e mantemento dos restos postos ao descuberto. Nos últimos quince anos, diversas administracións acometeron actuacións destinadas ao seu mantemento, limpeza e posta en valor. O xacemento esténdese por debaixo da estrada, e non esta previsto continuar as escavacións no momento actual, senón continuar cos labores de conservación e posta en valor.
Trátase dun xacemento complexo, onde se constata unha ocupación desde época romana ata o século XVIII. Entre os restos atopados destacan a factoría de salgadura dos séculos I-III, a vila romana (III e IV d.C.), a necrópole, que ten unha cronoloxía que se estende desde a época tardorromana até a Idade Moderna, unha igrexa do século VII e unha torre defensiva medieval.