Ranking galego dos grandes eventos culturais


O traballo constante que realiza o Festival de Cans obtivo outro importante recoñecimento nos últimos días, ó ser elixido polo informe anual da Fundación Contemporánea de Madrid, como un dos acontecimentos máis destacados do pasado ano en Galicia.

Este prestixioso informe, que é o principal indicador das tendencias culturais do Estado, recolle as opinións de máis de 1.000 expertos, entre os que están escritores, cineastas, artistas, músicos, arquitectos e membros de fundacións, entidades públicas e privadas e xestores culturais.

Só dous festivais da provincia de Pontevedra foron seleccionados por estes expertos para recibir o calificativo de “insignias culturais” de Galicia. Ademáis de Cans, o outro festival que ocupa un lugar de honor neste listado é o Festival SinSal de Redondela.

O ránking galego está encabezado por grandes eventos e institucións como o Culturgal, o Teatro Rosalía de Castro, a Cidade da Cultura ou o Resurrection Fest. Mentres, no ranking das “insignias culturais” máis destacadas a nivel Estado, están o Museo do Prado, o Museo Reina Sofía, o Guggenheim ou o Festival de San Sebastián.

No ranking galego, o Festival de Cans entrou entre os doce primeiros acontecimentos culturais, rebasando a grandes macrofestivais e a outras entidades públicas que manexan orzamentos inalcanzables para este festival, realizado cuns recursos moi limitados, nesta aldea do Concello do Porriño. Neste prestixioso listado, só dous festivais de cine acompañan o Festival de Cans, como son Cineuropa de Santiago de Compostela e S8 de Cinema Periférico de A Coruña.

Este recoñecimento vense a sumar a outros que ten recibido o festival nos últimos tempos, como Premio da Cultura Galega, concedido en 2019 ou o convite o IV Congreso “Cultura y Ciudadanía”, organizado polo Ministerio de Cultura e celebrado no Centro Matadero de Madrid o pasado mes de Novembro. O Festival de Cans foi o único festival de cinema convidado a facer unha ponencia sobre o seu modelo organizativo, ante máis de 500 xestores culturais acreditados, chegados de países de todo o mundo.