A candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial conseguiu situarse entre as 24 propostas internacionais de inscrición elixidas para ser presentadas e sometidas a debate na 45 sesión do Comité da Unesco, que se celebrará durante 2021, momento en que será proclamada oficialmente.
O organismo comunicou á Xunta que esta candidatura foi aceptada como a proposta de España para esta sesión e, con iso, entra en avaliación para a súa posible inclusión na Lista do Patrimonio Mundial, da que xa forman parte en Galicia a Cidade Vella de Santiago, o Camiño Francés, os Camiños do Norte, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules.
Tras coñecerse esta selección, o presidente da Deputación de Lugo, José Tome, mostrou a súa satisfacción por este paso, do que reivindicou o seu "impacto positivo" na provincia a nivel turístico e económico.
A Xunta pola súa banda saleientou que esta boa nova é "froito do traballo e do esforzo conxunto das administracións e da sociedade civil", e que "abre importantes perspectivas de crecemento e desenvolvemento sostible para la zona".
Este territorio representa "un exemplo único do monacato de Occidente e da sacralización do territorio", grazas a conxuntos arquitectónicos de "extraordinaria singularidade" que ilustran 1500 anos de historia. Á marxe do patrimonio cultural e arquitectónico, a Ribeira Sacra tamén "é unha paisaxe viva e o máximo expoñente da relación entre home e natureza", lembra a Xunta, con exemplos como as terrazas de cultivo e de viticultura heroica nas ladeiras do Sil e do Miño.