A Asociación Galega de Xornalistas e Escritores de Turismo (AGAXET), renderá un recoñecemento á hotelaría galega mediante a evocación dos grandes hoteis do noso país que foron protagonistas na conformación deste servizo á cidadanía, clave na estruturación social das cidades, o desenvolvemento do comercio interterritorial e o desenrolo do turismo, actividade económica xurdida así mesmo dun século para acá. Empezarán en Pontevedra, tan pronto como remate a crise do Covid-19
O xornalista Guillermo Campos, presidente da AGAXET, subraiou que “cando toca falar deste sector sempre digo (nun alarde de sincretismo, loxicamente non excluínte) que hoteis e hospitais son os ‘únicos’ establecementos públicos nos que non se apaga a luz ningún dos 365 días do ano, un ano tras outro, unha luz acesa, un servizo permanente aberto a quen o demande as 24 horas do día… Así polo menos ata esta pandemia…”.
Se ben este proxecto divulgativo estaba previsto antes dos efectos e consecuencias do coronavirus, o peche de hoteis derivado das medidas gobernamentais engade unha dimensión dramática sen precedentes a este sector, de maneira que a Asociación confirma que a mesa redonda prevista inicialmente en Pontevedra a través da aula “Antonio Odriozola” -no hotel Rías Bajas, reservouse a convocatoria no día precedente á declaración de emerxencia – chegará tamén ao resto das capitais galegas “xa reconvertida nunha homenaxe de recoñecemento e apoio ao segmento hoteleiro, imprescindible protagonista da memoria e historia recente en cidades e vilas”.
O formato é o de mesa redonda con proxeccións gráficas dos hoteis máis emblemáticos, para o que se conta coa colaboración do coleccionista Antonio Cancela, co-autor dun coleccionable que a revista HGg&T dirixida por Campos publicou en 2018: “1910-2010. Cen anos de Hotelaría en Galicia”. Protagonistas locais completarán as ternas dun calendario que empezará tan pronto o permitan as actuais circunstancias.
Nesas primeiras semanas post-crise, AGAXET retomará tamén o proxecto que estaba pechado para esta fin de semana: preto de trinta xornalistas e colaboradores de toda Galicia e os principais medios de difusión, viaxarían ata o Alentejo, onde estaba programado un encontro profesional de contido turístico -visitas, entre outros monumentos, ao palacio dos Braganza; hotel Marmoris, expoñente do luxo na zona e a explotación de canteiras de mármore como produto asociado- e, completando tamén a vertente gastronómica, paradas intermedias nas rexións de Dâo e Bairrada- para coñecemento e cata de viños e aceites, ademais de análises da actualidade neste eido profesional.