Cheché Real: "a declaración da RS como patrimonio da Humanidade abre novas perspectivas""


A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), diante do anuncio da inscrición da Ribeira Sacra para ser presentada e sometida a estudo e debate na 45.ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO congratúlase desta boa nova e afirma que “isto abre importantes perspectivas de crecemento, desenvolvemento sostible para este territorio e de esperanza para o sector do turismo e a hostalería, que se verán beneficiados positivamente desta declaración”.

Cheché Real, presidente da Apehl, subliña que “esta boa nova chega xusto nun momento complicado para o sector e será un aliciente máis polo que a xente se poida animar a visitar a nosa provincia no futuro, cando xa teñamos máis que superado o estado tan difícil polo que estamos a atravesar”.

Por último, Real traslada os seus parabéns a todos os axentes implicados nesta noticia, a todos aqueles que traballaron e que seguen esforzándose por que isto suceda: “desde a Xunta de Galicia, ás deputacións de Ourense e Lugo, os concellos da contorna e as diferentes entidades locais, como o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, ata os traballadores e persoas individuais que dalgunha maneira ou doutra axudaron, co seu traballo, a crear as condicións axeitadas para o desenvolvemento deste expediente”.