Medidas específicas da Xunta dirixidas as industrias culturais


A Xunta de Galicia está a preparar un amplo paquete de medidas específicas dirixidas a paliar os efectos da crise sanitaria provocada polo coronavirus Covid-19 no sector cultural galego, coa finalidade de preservar a actividade e o emprego das industrias culturais, garantir o cumprimento das programacións previstas e estimular o consumo cultural ao remate do actual estado de alarma. 

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuníuse co Consello da Cultura, a Real Academia Galega e a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, no marco dunha serie de xuntanzas e contactos coas principais institucións e entidades profesionais do sector cultural. O intercambio coas máis altas institucións culturais do país foi positivo e plasmou a vontade de traballar conxuntamente pola cultura e as idustrias creativas galegas. 

Do mesmo xeito, responsables dos distintos departamentos da Consellería están a manter contaco directo desde o inicio da crise con representantes de 13 asociacións que agrupan produtoras audiovisuais, compañías escénicas, empresas musicais, festivais de música e de audiovisual, editoriais, músicos, actores e actrices, técnicos de eventos, xestores culturais, salas privadas de espectáculos, etc. 

Axilidade nos pagamentos 

Nesta dinámica, estanse a recabar todas as achegas para planificar a reactivación e o impulso das industrias culturais e creativas na Comunidade, ao tempo que se está a dar resposta axilizando xa todos os pagamentos de actividades realizadas no que vai de ano. De feito, a tramitación administrativa desenvólvese con normalidade a través do sistema de teletraballo habilitado pola Xunta. Nestes momentos, estanse a priorizar os pagamentos tanto de subvencións adxudicadas como de facturas. 

Ademais, a Xunta facilitará ao máximo as xestións económicas e administrativas dos sectores culturais para axudar nas cuestións vinculadas a prazos, documentacións requiridas ou na posibilidade de reprogramar todas as actividades que tiveron que ser suspendidas. 


Reestruturación orzamentaria 

A Consellería de Cultura informou xa no Consello da Xunta da reestruturación dos seus créditos orzamentarios co obxectivo acometer as medidas precisas para axudar na reactivación deste sector produtivo. A previsión orzamentaria alcanza os 25M€ para o conxunto do Departamento autonómico e centrarase prioritariamente no mantemento do emprego. 

En concreto, trabállase no desenvolvemento de accións centradas no fomento do consumo cultural: o estímulo, a través dun incremento na dotación, das redes profesionais de distribución de espectáculos, e a creación ou adaptación de liñas de axudas para fortalecer tanto a distribución interior como a produción cultural galega. 

Ademais, entre os programas actualmemte en proceso de elaboración, reforzarase a orientación do Xacobeo 2021 como ferramenta de recuperación económica e produtiva do tecido propio. 

Serán uns eixos que rematarán de perfilarse ao remate do estado de alarma en función do xeito no que evolucione a emerxencia sanitaria e para os que, tendo en conta a estrutura do gasto público en cultura no conxunto de Galicia, se proporán levar a cabo en colaboración coas entidades locais, xa que estas contan tamén cunha significativa porcentaxe de investimento neste eido. 

Recoñecemento ao sector 

A Xunta de Galicia é plenamente consciente da especial situación pola que atravesa o sector cultural galego, ao que lle recoñece, ademais, o seu esforzo, talento e capacidade creativa, tal como se está poñendo estes días de manifesto cos contidos verquidos nas distintas redes sociais e plataformas web de xeito accesible a todo o público. 

Neste sentido, tamén Cultura e Turismo, a través de todos os seus departamentos e centros dependentes, propón para o período que dure o confinamento unha programación con abondosas actividades de lecer a través da campaña #aculturasegue. Garantindo o acceso da cidadanía á cultura, e fomentando e incentivando as prácticas e hábitos culturais, especialmente entre os máis novos. É unha campaña aberta e positiva, á que a Xunta convida a sumarse ás institucións, aos nosos creadores e a toda á cidadanía para compartir todo tipo de iniciativas artísticas, creativas e divulgativas.