A Deputación da Coruña inxecta fondos aos entes de xestión turística


Máis de un millón de euros é o orzamento que a Deputación da Coruña destina aos entes de xestión turística a través dunha liña de axudas coa que quere contribuír á recuperación do sector. O vicepresidente e deputado da área, Xosé Regueira, considera que son clave para a colaboración entre as administracións e o sector privado en superar a crise provocada pola pandemia.

A área de Turismo da Deputación da Coruña publica a concesión de axudas aos entes de xestión aos que destina nesta nova edición un orzamento de 1.091.645,92 € que se repartirán entre as catorce propostas que traballan en todo o territorio da Coruña e que reciben un máximo de 120.000 € para a consolidación das súas estruturas administrativas e as actividades que desenvolven ao longo do ano, encamiñadas neste caso a contribuír a superar a crise provocada pola COVID19.

"Nesta edición decidimos apostar unha vez máis e con decisión polo traballo que desenvolven os entes de xestión porque temos o convencemento que serán pezas claves para coordinar a recuperación dun sector que está a atravesar unha crise histórica", sinala o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira.

Os entes de xestión foron os protagonistas da primeira das xornadas do Foro Turismo Covid19 que está a organizar a Deputación da Coruña na que se concluíu na necesidade de orientar os traballos cara á revitalización dun sector fundamental para o desenvolvemento económico e o apoio ao sector privado que se verá afectado directamente pola pandemia.

A Asociación de Empresarios do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía, Asociación de Denvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, A Asociación Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas, a Asociación Rural de desenvolvemento da Ría de Muros-Noia, a Asociación Socio-Cultural Agua e Sal, a Asociación para o Desenvolvemento do Turismo de Calidade da Comarca de Ortegal, Costa da Morte Asociación Turística, as Mancomunidades Ría de Arousa-Zona Norte, Concellos Comarca de Ferrol e Comarca de Ordes, Información e Comunicación Local de Santiago (Incolsa), Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, Asociación de Concellos do Camiño Inglés e Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña son as entidades beneficiarias da convocatoria.



"