A Deputación de Pontevedra traballará de forma coordinada cos concellos


Na primeira reunión telemática cos alcaldes e alcaldesas da provincia dos concellos de menos de 20.000 habitantes, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ofreceu “un gran pacto na provincia coas administracións competentes para poder das resposta ás fases da desescalada, sumando sinerxías, a fin de que as entidades locais fagan o que mellor saber facer: atender a súas veciñanzas”. 

As alcaldesas e alcaldes que participaron coincidiron na necesidade de axilizar os procedementos e de ter ferramentas para evitar a burocracia excesiva e de adaptación á nova realidade, amais de concordar na esixencia de sumar sinerxías e traballar de forma coordinada. Igualmente, solicitan cambios na Lei de Contratación e nas normas de Facenda para facilitar a actuación dos concellos, e instan á Xunta a facilitar axudas directas a sectores como a hostalería e o comercio, así como ao Estado a opción de poder utilizar remanentes e superávit. Por outro lado, piden á Consellería de Sanidade que lles remita, dentro da confidencialidade, os datos sanitarios en cada concello para poder tomar decisións, e cara ao turismo e impulsar o rural como espazo de oportunidade.

A presidenta provincial, acompañada do Vicepresidente César Mosquera, comunicou aos 46 alcaldes e alcaldesas que participaron no encontro virtual, que se dirixirá á Xunta de Galicia e ao Estado, a través da Delegación do Goberno, para traballar de forma colaborativa, cada administración coas súas competencias, para tomar decisións que sumen. “Non se trata de ver quen corre máis, trátase de acertar”, dixo Silva. “Sería un erro gravísimo que cada un de nós tome as súas medidas, o seu plan, polo que fago un chamamento a que sumemos, e a traballar de forma coordinada. É unha obriga, engadiu, porque a xente non perdoaría que non colaboremos. Nunca é hora de confrontar pero agora menos. Non ter esa mirada –dixo- é non entender nada”. Silva tamén avanzou que cre necesario que o presidente da Xunta convoque ás Deputacións. “É fundamental que nos coordinemos. Que teñamos unha folla de ruta clara, atendendo ás competencias de cada administración, e sumando esforzos cara á cidadanía”. 

Nesa liña de traballo, a presidenta da Deputación comunicou aos concellos que o goberno provincial estuda a posibilidade de reorientar o orzamento e modificar o Plan Concellos. “Trataríase, sinalou, de ter recursos para as novas necesidades, polo que estamos a avaliar poder destinalos a aquelo que a crise esixa”. Silva avanzou que formulará estas propostas á oposición para buscar o consenso e, do mesmo xeito, comunicou a súa intención de volver a convocar aos concellos xa de forma comarcal. A presidenta fixo un recoñecemento aos gobernos e oposicións de todos os concellos: “síntome moi orgullosa, de todos e todas, estades a facer un traballo excepcional”. 

Pola súa banda, o vicepresidente, César Mosquera, apelou á cautela e a solidariedade nas actuacións das administracións e sumouse ás palabras da presidenta para facer un recoñecemento ao PP “que está a ser un exemplo de como se colabora para saír adiante nunha situación como esta”. En relación ás medidas impulsadas, Mosquera destacou que se basearon no principio de prudencia, “porque non se sabe o que vai pasar, se as administracións locais imos ter menos recursos que hoxe ou máis”. Neste eido e en relación aos recursos aportados, o vicepresidente destacou que “rascamos todo o que puidemos rascar pero sen comprometer a capacidade de reacción dentro duns meses, porque igual vén outra oleada ou a actividade económica non remonta”. 

Na reunión, Silva detallou a situación de desenvolvemento das liñas de axudas, medidas, e programas destinados aos concellos que a Deputación activou ao fío da crise o que supuxo ata o momento poñer a disposición dos municipios preto de 30 millóns de euros. A presidenta confirmou que os 52 concellos de menos de 20.000 habitantes acolléronse á liña de axudas extraordinarias polo Covid, ás axudas de emerxencia e ao adianto do Plan de Servizos Comunitarios Básicos e SAF, cun importe total de máis de 4 millóns de euros. Igualmente, a Deputación segue a tramitar as peticións dos concellos do anticipo do Fondo de Liquidez de ORAL, dotado con 21 millóns, ou as modificacións da Liña 2 do Plan Concellos para poder destinar eses cartos aos gastos ocasionados pola pandemia. Á vez, a institución adiantou as subvencións aos municipios e segue a tramitar as obras solicitadas. Tamén se falou da prórroga do Plan DepoRemse que supón 31 proxectos financiados nos concellos, e dos prazos do Plan de Reequilibrio, “xa que temos que mover a economía porque a obra pública ten que ser unha das saídas desta crise”. A presidenta agradeceu o esforzo dos concellos para adaptarse a realidade telemática, xa que son máis de 44 municipios os que están a celebrar as súas sesións colexiadas coa plataforma gratuíta da Deputación. 

Cara á necesaria reactivación do Turismo, Silva informou do estudo de impacto encargado pola Deputación que será a folla de ruta para o Plan de Recuperación na provincia, e da elaboración do novo Plan Estratéxico. A presidenta informou aos alcaldes e alcaldesas que “de forma inmediata poremos en marcha a formación para o persoal das oficinas de turismo cara aos novos protocolos de funcionamento para a súa apertura”. De igual forma, emprazou a reunións conxuntas aos concellos que teñen festas de interese turístico, e a aqueles con emprazamentos dos festivais de cine e dos Rías Baixas Fest, “para traballar conxuntamente no camiño xa acordado coas promotoras y empresas organizadoras para reorientar os eventos”. A promoción convértese tamén nunha das áreas de traballo colaborativo na liña marcada pola Deputación con campañas como “Viaxa mañá” ou #21Days21Destinations. Silva anunciou ademais que se dirixirá ao Conselleiro de Turismo para manter unha xuntanza “que sume esforzos e dinámicas de traballo”. Tamén informou aos concellos das dúas novas iniciativas que se porán en marcha: unha campaña de apoio ao produto de proximidade para potenciar o consumo local coa gastronomía como fío condutor; e unha segunda orientada á dinamización do comercio local de forma diferenciada por comarcas, amais da inminente posta en marcha da aceleradora de comercio. 

A aposta polas persoas máis vulnerables coas medidas do reforzo da teleasistencia, o adianto das axudas sociais, foi outro dos temas tratados, así como ás orientadas aos sectores produtivos. A axilización dos pagos para inxectar liquidez e as actuacións de Smartpeme cunha ducia de iniciativas e plans de continxencia destinados a persoas autónomas, emprendedoras e pemes son liñas da Deputación, así como o adianto das axudas á pesca e ao sector agrogandeiro no que se traballa en novas medidas de apoio. Igualmente anunciouse a activación dun novo programa de asesoramento personalizado ás empresas, a fin de facilitarlles toda a información de axudas, ERTES e medidas do estado para que teñan acceso, capacidade e facilidade a estes recursos.