“A máxima é darlle todas as facilidades aos alumnos para titular” Manuel Hermo (CIFP Carlos Oroza)


A irrupción da crise sanitaria truncou as expectativas de centos de mozos por toda Galicia, que se atopan estudando un ciclo de Formación Profesional e que en moitos casos deberían estar realizando agora mesmo as súas prácticas en empresas. Falamos co director do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, Manuel Hermo, que nos conta cómo están adaptando a formación de forma telemática e como se lle están dando todas as facilidades posibles ao alumnado para que remate a súa formación. 

Como estades adaptando a formación ao confinamento? Está funcionando o sistema telemático? 

Desde o día que se decretou o estado de alarma e recibimos as indicacións de que tiñamos que continuar coas clases de forma telemática, montamos un sistema para que o profesorado puidera facer un seguimento co alumnado. A formación ímola impartindo sobre o xa traballado nos anteriores trimestres, son sobre todo repasos de tarefas xa impartidas profundizando nalgunhas e tamén tarefas de recuperación que quedaran pendentes. 

Todos os tutores e profesores están moi pendentes do alumnado para que poidan rematar os seus estudos. De feito, na medida das nosas posibilidades estamos proporcionándolle ordenadores aos alumnos que non tiñan acceso a eles. 

Aínda que en ciclos tan prácticos como os de hostalería, a teleformación semella complicada...

Efectivamente. A formación profesional en sí é eminentemente práctica, hai contidos que teñen que ser presenciais. De xeito telemático podes facer algún complemento, pero a formación en cociña, en sala, en guía turístico… é aprender facendo. Faise complexo nese sentido. 

Cal é a previsión para rematar o curso e avaliar aos alumnos? Que pasará coas prácticas en empresas? 

A máxima é darlle todas as facilidades aos alumnos para que poidan promocionar e titular, de xeito para os de segundo ano que tiñan que estar facendo prácticas hai unha flexibilidade total. Dependendo de cando podan ir abrindo as empresas, poderán facerse ata o 31 de agosto deste curso ou trasladalas a outro período a partir de setembro. Pero para todo o alumnado que o que quere é conseguir o curso para continuar coa traxectoria académica, as prácticas poden presentalas a través dun proxecto, sendo evaluados deste xeito. Así poderán titular en xuño. 

Ahora o que facemos é abrir escenarios posibles e dar todas as posibilidades para que poidan acabar os seus estudos. Non sabemos se realmente as empresas estarán en disposición cando abran de acoller alumnado en prácticas porque todo indica que haberá que limitar aforos, extremar as medidas de seguridade… Entendemos que as empresas teñen que garantir primeiro o emprego para as súas plantillas. 

A idea é que os alumnos poidan titular para acceder a un mercado que seguramente atoparán en crise. Neste contexto, pensas que o persoal con formación terá unha vantaxe competitiva? 

Nese aspecto somos positivos. Os que estean máis formados serán os que teñan máis vantaxe. O noso alumnado recibe formación específica en seguridade e hixiene na manipulación de alimentos, en poñer protocolos anticontinxencias… 

E de cara ao vindeiro curso? Contades con iniciar con relativa normalidade o proceso de matrícula? 

Somos optimistas, pensamos que remataremos ben o curso e poderemos iniciar o curso que vén coas máximas garantías posibles, aínda que todo depende de como vaia evolucionando a pandemia. A matrícula ábrese en xuño, esperemos poder abrir o proceso con normalidade, sempre coa máxima cautela.