Os mercados locais agroalimentarios voltan en Galicia a partires do 4 de maio


A Xunta permitirá que os concellos celebren mercados locais de produtos agroalimentarios a partires do vindeiro luns, 4 de maio, sempre baixo estritas condicións de seguridade. Así o acaba de anunciar a Conselleiría de Medio Rural. 

O Goberno galego considera que a entrada, o vindeiro luns, na “fase 0” do proceso de desescalada posibilita a reapertura deste servizo baixo unhas regras que en Galicia están xa establecidas desde o 24 de marzo pasado, para garantir a seguridade das persoas, coas debidas medidas sanitarias e de distancia social. 

O conselleiro José González lembrou que o Goberno galego solicitou esta medida en varias ocasións e agora entende que se dan as circunstancias para adoptala. Advertiu, neste sentido, que “non se pode facer un plan de desescalada sen contar coas comunidades autónomas e en especial coas particularidades do medio rural galego”.

Nesta liña, recordou que tanto el como o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclamaron que, en canto se activara a desescalada, esta fose das primeiras actividades relacionadas co agro en retomarse. Nesta situación, engadiu, cómpre ir abrindo estas canles de venda, sobre todo tendo en conta que se mantén o peche da hostalaría e a restauración. 

En parecidos termos, José González reclamou tamén ao ministro a reapertura dos mercados de gando, tendo en conta o mesmo proceso de desescalada e sempre adoptando todas as medidas sanitarias precisas. Advertiu que esta medida é demandada polo sector e considero unha necesaria para dar saída aos animais que se están acumulando nas explotacións.