O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha xuntanza co director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, arredor dos avances nas intervencións no templo compostelán e da reanudación das obras logo do obrigado parón pola crise sanitaria do COVID-19.
O conselleiro explicou ao final da mesma que as obras de rehabilitación están desde hai quince días todas en execución, “só falta unha por licitar que é a da Torre da Vela, unha obra de entidade menor”, para estar a punto no Xacobeo 2021. En concreto, afirmou que as actuacións “están avanzando a un ritmo positivo, con algunha limitación vencellada aos subministros e á distancia de seguridade”. Loxicamente, explicou o titular de Cultura, haberá actuacións no templo que non poderán ser rematadas antes do 1 de xaneiro, pero parece ser que non interferirán coa actividade ordinaria da Catedral durante o Ano Santo.
Así mesmo, Román Rodríguez quixo agradecerlle á Fundación Catedral e a todas as empresas que están traballando no Templo o seu desempeño. Estase facendo un gran esforzo para minimizar o impacto da grave crise que atravesamos no calendario final das obras. Así é todo −concluíu−, acadalo dependerá da evolución da situación sanitaria, que condiciona a obtención de subministros e o desprazamento de recursos humanos.
Conservación e xestión sostible
Hoxe mesmo asinouse un convenio adicional entre a Xunta e a Fundación Catedral polo que o Goberno galego inviste 750.000 euros para levar a cabo actuacións puntuais na fachada á rúa Fonseca, na torre do reloxo, na cuberta da capela da Comuñón e nas capelas penitenciais e absidais. A previsión, polo carácter das obras é que poidan estar rematadas a finais de ano.
O obxectivo deste convenio é dar unha resposta axeitada que permita garantir a conservación do conxunto catedralicio de Santiago de Compostela, promovendo a súa funcionalidade e significación relixiosa e cultural, e poñendo en valor, impulsando e acrecentando a súa función cultural. Trátase tamén de manter e desenvolver, de forma sostible, os recursos e potencialidades que posúen o monumento.
En concreto, no marco desta colaboración, actuarase nos seguintes ámbitos da Catedral: fachada á rúa Fonseca do edificio claustral, torre do reloxo, cuberta da capela da Comuñón e nas capelas penitenciais (Capela do Pilar, a Blanca e Santa Catalina) e absidais (Capela de Mondragón, San Pedro, O Salvador e San Bartolomé). Para levar a cabo estes traballos, a Fundación Catedral, como entidade colaboradora, encargarase da licitación e contratación de todas as obras e proxectos incluídos no ámbito deste convenio e, en xeral, das actuacións derivadas do mesmo.
Execución das obras
Das obras previstas ao abeiro dos convenios levados a cabo entre o Goberno do Estado, a Xunta de Galicia, o Cabido e a Fundación Catedral e que mobilizaron desde 2015 un investimento total de 17M€, as actuacións pendentes de abordar e tecnicamente máis complexas son correspondentes ás cubertas da nave maior e do claustro, á fachada da Quintana e a Porta Santa e a da Torre da Vela.
A primeira, relativa ás cubertas da nave maior e do claustro, a execución está en marcha; a segunda, a da fachada da Quintana e da Porta Santa, acaba de ser contratada e concentrará todas as actuacións na devandita Porta, de xeito que se teña a garantía de que esta parte se remata en todos os escenarios en tempo e forma; e a terceira. Finalmente, a Torre da Vela, atópase pendente de licitación, pero aínda en prazo segundo a planificación da obra para concluír antes de 2020.