Sanxenxo permitirá a ampliación das terrazas


Diante das medidas progresivas de suavización do confinamento anunciadas polo Goberno, que permitirá inicialmente a reaperrtura dos establecementos hosteleiros que teñan terraza, o Concello de Sanxenxo anunciou que permitirá este verán que se amplíe o espazo reservado para este fin no municipio, así como a exención das correspondentes taxas durante este verán pola ocupación de espazos públicos.

Esta medida, segundo o alcalde, Telmo Martín, será "excepcional" e poderase adoptar "onde sexa posible" e sempre que se garanta o paso dos peóns por beirarrúas e espazos públicos.

O Concello confía que con esta medida se poida cando menos minimizar un pouco os efectos económicos da limitación de ocupación ao 30% destes espazos durante as distintas fases do proceso de volta á "nova normalidade".

O alcalde considera que o calendario de apertura de establecementos anunciado polo Goberno "vai na boa liña" e aposta por dar unha maior prioridade ás distancias de seguridade en lugar de limitar aforos.

A pesar diso, Martín asegura que os hostaleiros locais están "preocupados", de maneira especial, pola limitación ás viaxes fóra da provincia ata finais de xuño, ao entender que "cuestionan" a viabilidade económica dos establecementos turísticos.

A falta de protocolos para o inicio de actividade en diversos establecementos a partir do próximo luns é outra das dificultades detectadas polo goberno local no plan de desescalada presentado no que o rexedor aprecia un "alto grao de improvisación".

Cada semana de peche, o sector turístico de Sanxenxo calcula unhas perdas de 3 millóns de euros, unha estimación que se rebaixaría aos 2,1 millóns de euros se se aplica o 30% de aforo e a 1,5 millóns de euros se é do 50%.