Liña de axudas de 300.000 euros repartidos ao 50% entre artes escénicas e música


As bases reguladoras das subvencións á distribución interior e exterior de bens e servizos culturais producidos por empresas profesionais galegas, unha liña de axudas á que a Xunta de Galicia destina 300.000 euros, repartidos ao 50% entre funcións escénicas e concertos de música, veñen de ser publicadas no  Diario Oficial de Galicia (DOG) 

A convocatoria, aprobada o pasado 18 de maio polo Consello Reitor da Axencia Galega das industrias Culturais (Agadic), é unha das medidas que se inclúen no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico, xa que adapta o seu texto este ano para contribuír a axilizar o financiamento de actividades executadas con anterioridade ao estado de alarma pola emerxencia sanitaria, concretamente as que tiveran lugar entre o 1 de novembro de 2019 e o 12 de marzo de 2020. Supón un incremento orzamentario en termos proporcionais, ao destinar 300.000 euros a catro meses e medio de actividade, mentres que o pasado ano dispuxéranse 460.000 euros para cubrir 12 meses. 

A través deste programa de apoio, contribúese á distribución de espectáculos galegos profesionais, así como á promoción dos nosos artistas e produtos culturais en mercados e feiras de carácter internacional. A súa finalidade é favorecer a proxección exterior das industrias culturais galegas, cofinanciando os gastos que asumen as empresas á hora de buscar unha maior difusión do seu traballo. 

Cada unha das modalidades nas que se estrutura a convocatoria (artes escénicas e música) subdivídese á súa vez en distintas categorías, segundo o tipo de actividades desenvolvidas fóra de Galicia: distribución de espectáculos, actuacións en feiras e festivais, e asistencia a feiras e mercados culturais. A de artes escénicas dispón, ademais, dun cuarto apartado dirixido a funcións dentro da nosa Comunidade, agás as que sexan xa contratadas pola Xunta de Galicia ou consecutivas a estas. 

Tamén se especifican os requirimentos esixidos ás empresas para poder optar ás axudas, así como os tipos de gastos subvencionables, entre os que se atopan os de desprazamento, transporte ou mantenza e aloxamento do persoal artístico e técnico. 

O prazo de solicitude comeza mañá e esténdese ata o vindeiro 29 de xuño. A súa concesión é por concorrencia non competitiva, atendendo todas aquelas propostas que reúnan os requisitos esixidos ata finalizar o prazo ou, no seu caso, ata esgotar o orzamento dispoñible. A súa resolución debe estar ditada nun prazo máximo de cinco meses.