O mosteiro de Caaveiro abre este venres baixo os protocolos de prevención e seguridade


Concretadas as novidades de cara á apertura este venres día 28 do mosteiro de Caaveiro con representantes da área de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña e os cinco concellos da contorna serviu para monumento que preside o parque natural das Fragas do Eume. Límite de visitantes, duplicación de transporte público e sinalización son as principais medidas que se activarán para cumprir protocolo e previr o contaxio do virus.

O deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luís Penas, os alcalde da Capela, Manuel Meizoso, de Cabanas, Carlos Ladra e de Monfero, Andrés Feal, e as concelleiras de Turismo das Pontes, Elena López e a de Pontedeume, Yolanda Vázquez, xunto co xefe de servizo de Contratación e Patrimonio, Luís Jaime Rodríguez, participaron na xuntanza para a coordinación das actuacións e protocolos de prevención e seguridade para a apertura este mesmo venres do mosteiro de Caaveiro.

Entre outros temas abordáronse as medidas que se aplicarán para a apertura do ben monumental entre as que destacan a limitación do aforo, polo que se permitirá como máximo a estancia de 30 persoas no interior do mosteiro, 15 con visita guiada e 15 de maneira libre. A Deputación da Coruña duplicará tamén o servizo de autobuses de acceso a Caaveiro para cumprir as medidas de distanciamento e a prevención de contaxio, regulando a frecuencia das rutas de maneira que non se produzan aglomeracións na entrada do mosteiro.

Neste sentido, aumentaríanse tamén as visitas guiadas ao monumento. Ademais, o uso da máscara será obrigada no interior e as instalacións estarán sinalizadas coas indicacións sanitarias pertinentes para cumprir os protocolos de seguridade como distancia interpersoal, limitacións de persoas nas distintas estancias ou rutas para garantir a seguridade. As visitas atoparán aberta a cafetería das instalacións nas que tamén estarán á disposición para a venda máscaras por se alguén chega ao monumento sen ela. 

"Trátase de compaxinar a seguridade e a prevención de riscos co acceso ao noso patrimonio con medidas necesarias como control de visitantes ou uso de máscaras dentro do propio mosteiro e sinalización para a autorregulación e desde a Deputación da Coruña comprometémonos en aplicar todas as medidas e vixiar que se cumpran para que as persoas se sintan seguras ao se achegar a Caaveiro", sinala o deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas que valora moi positivamente o resultado da xuntanza con representantes dos concellos da contorna do parque natural das Fragas do Eume.