A Deputación de Pontevedra anunciou este xoves a reapertura para o vindeiro martes 2 de xuño dos seus equipamentos culturais, que inclúen o castelo de Soutomaior, o Castelo de Vilasobroso e o centro de interpretación da cultura castrexa CastroDeza.
Segundo adiantou a presidenta provincial Carmela Silva en roda de prensa, procederase á apertura cunha densidade máxima de 4 persoas por cada 10 metros. Nun primeiro momento, o aforo total verase reducido á terceira parte, pasando ao 50% unha vez que cheguemos á fase 3 do proceso de desescalada.
Haberá plans de continxencia específicos con reforzo da limpeza, controles de temperatura, marcadores da distancia de seguridade... O uso de máscaras de protección será obrigatorio para traballadores e visitantes, no caso do castelo de Soutomaior tamén haberá que usar luvas dado o carácter interactivo da súa exposición.
En Soutomaior tamén se habilitará unha nova zona de atención ao público e venda de entradas, aínda que de forma xeral recomendarase a compra online e o pago con tarxeta.