
A concelleira explicou que nun contexto no que moitas cidades que teñen as festas grandes en agosto, como é o caso de Bilbao, ou en setembro como Valladolid, as están suspendendo, en Pontevedra "nós pensamos que unha cousa é que non se poidan celebrar no formato habitual e e outra cousa é que non haxa festas".
Neste sentido, insistiu en que se "antes se medía o éxito dunha programación polas miles de persoas que era capaz de congregar nun espazo, e este ano fixemos un esforzo enorme para reprogramalo todo para que o éxito se mida pola variedade de cousas que hai imultáneamente para evitar precisamente as grandes aglomeracións".
Desde o Concello estudouse o aforo e as distancias en todos os espazos públicos da cidade e dos barrios para habilitar máis de dez escenarios en lugares como Monte Porreiro, O Burgo, Barcelos, San Antoniño, Campolongo, Eduardo Pondal, no Gafos ou en puntos do centro histórico como a Alameda, a praza de España ou a praza da Ferreiría.
A programación de verán comezará a principios de xullo e incluirá opcións para todo tipo de públicos e con variedade de estilos e disciplinas como teatro, música, audiovisual ou maxia. A programación definitiva farase pública en aproximadamente dúas semanas, ao tempo que se traballa na Feira Franca para setembro e para recuperar o Surfing the Lérez nun novo formato este ano.