
A presidenta detallou ademais que se trata dunha iniciativa transversal con medidas concretas vertebradas en cinco eixos centrais: aspectos legais e financieiros; prevención, seguridade, saúde e hixiene; dixitalización e competitividade; fomento da demanda de produtos e servizos turísticos e promoción do destino Rías Baixas.
Carmela Silva destacou o carácter "participativo" do Plan de Reactivación do destino Pontevedra provincia, no que se involucraron concellos e o propio sector turístico, a través de enquisas, e que se completou coas conclusións da Mesa Provincial de Turismo, coa análise de tendencias e estudos de diferentes organizacións turísticas galegas, nacionais e internacionais, co obxectivo de "coñecer os datos para dar respostas rigorosas e serias".
En Galicia, onde o turismo representa o 10,4% do PIB, hai máis de 200.000 empresas e 123.722 persoas ocupadas. A presidenta tamén asegurou que na comunidade autónoma é a provincia de Pontevedra "a que ten un maior peso no eido do turismo". En canto ás cifras, a provincia de Pontevedra acolleu, o ano pasado, a 1,7 millóns de persoas viaxeiras das cales o 80,3% eran residentes en España. Neste eido, Silva fixo fincapé na importancia de "dirixirnos aos mercados de proximidade, xa que vai ser a primeira saída para o sector turístico".
No que respecta á incidencia da Covid-19 no turismo, o estudo realizado no marco do Plan de Reactivación do destino Pontevedra provincia, no que participaron 200 empresas das diferentes comarcas da provincia, destaca que o 47% delas tiñan menos de 6 persoas traballadoras; o 86% das empresas tiveron que deter a súa actividade por completa e soamente un 13% puido manter o 25% da actividade; o 29% tivo que acollerse a un ERTE de forza maior e o 25% por causas produtivas.