Ao abeiro do Departamento de Mobilidade e Espazos Públicos, a Deputación de Pontevedra, aprobou en Pleno a adhesión ás redes de Cidades que Camiñan e Cidades pola Bicicleta. O deputado Uxío Benítez destacou que ambas entidades comparten a filosofía que leva aplicando desde o pasado mandato o seu departamento co fin de priorizar a mobilidade natural –das persoas e as bicicletas fronte á motorizada–, e que se acaba de incluír nos principios da rede Ágora de concellos polo espazo público que a institución provincial creou o pasado mes de maio.
Segundo explicou Uxío Benítez, a participación da Deputación en ámbalas entidades estatais suporá un maior compromiso coa recuperación do espazo público, así como que todos os municipios da provincia que formen parte da rede ‘Ágora' estean tamén adheridos de maneira automática beneficiándose dos seus servizos, material e persoal. O deputado nacionalista destacou que nestes momentos os concellos da provincia están en fase de aprobación interna do protocolo de ‘Ágora', proxecto que está a ter moi boa acollida entre os gobernos locais, co obxectivo de recuperar e aumentar de forma substancial e tanxible o espazo público destinado ás persoas en lugar de aos coches.
A Rede de Cidades que Camiñan, da que nestes momentos é presidente o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, é unha asociación internacional sen ánimo de lucro, aberta a concellos e outras administracións públicas comprometidas coa camiñabilidade. O seu obxectivo principal é que as persoas viandantes sexan máximas protagonistas da Mobilidade urbana e do espazo público.
Trátase dunha asociación con orixe española que está integrada na actualidade por 46 cidades de 3 países (España, Portugal e México), con case 5.000.000 de habitantes. Réxese por un decálogo de principios propios, así como polos dereitos e principios estratéxicos recollidos na Carta dos Dereitos do Peón, adoptada no Parlamento Europeo en outubro de 1988, e pola Carta Internacional do Camiñar, deseñada por especialistas de todo o mundo no marco das conferencias internacionais Walk 21, en 2006.
A adhesión á Rede de Cidades que Camiñan por parte da Deputación supón asumir como propios os dereitos recollidos nos tres documentos, segundo os cales camiñar
debe ser o máximo expoñente do sistema de mobilidade urbana por ser condición indispensable para posibilitar cidades amables, saudables, sostibles, equitativas, inclusivas e atractivas, con maior cohesión social e igualdade de oportunidades no uso e gozo do espazo público. A integración na Rede implica un compromiso coa mellora do espazo público como lugar para camiñar, estar e socializar, abordando proxectos para fomentar a camiñabilidade e, en relación con esta, a mobilidade sustentable, a accesibilidade universal, a seguridade viaria, a calidade do medio ambiente urbano e a autonomía infantil.
Facilitar a circulación das e dos ciclistas
Por outra parte, a rede de Cidades pola Bicicleta (RCxB) é unha asociación creada en
2009 composta actualmente por 125 socios (principalmente concellos, aínda que tamén Deputacións, Comunidades Autónomas e Consorcios de Transporte), que representan a máis de 550 municipios de todo o país.
A RCxB ten por obxecto a xeración dunha dinámica entre as cidades españolas co fin de facilitar, facer máis segura e desenvolver a circulación das e dos ciclistas, especialmente no medio urbano, realizando para todo iso tódalas accións necesarias para impulsar a bicicleta como medio de transporte e intensificando as iniciativas adoptadas co mesmo obxectivo polas administracións públicas, asociacións e demais axentes sociais.
Neste sentido, a Deputación de Pontevedra ten como filosofía o impulso da mobilidade sustentable priorizando os sectores vulnerables, incluíndo polo tanto a bicicleta, para o cal se realizaron numerosas actuacións desde o ano 2013, entre as que se destacan a aprobación da ‘Ordenanza de seguridade viaria da Deputación Provincial de Pontevedra', na que se aposta por medidas de calmado de tráfico para reducir a velocidade nos viarios provinciais, o ‘Decálogo de Criterios de Actuacións nas Vías Provinciais', que prioriza as necesidades dos sectores máis vulnerables ou a Guía Básica de Espazos Públicos e Mobilidade Amable, na que se inclúen, entre outros, recomendacións de deseño para a xestión adecuada do uso da bicicleta ou recomendacións de deseño dos dispositivos de calmado de tráfico.