Arousa Norte pasa a ser o destino Barbanza-Arousa


A Mancomunidade de Municipios Arousa Norte presentou esta mañá o cambio do nome do destino que a partir de agora pasará a chamarse BARBANZA – AROUSA. Este cambio supón situar tamén á Serra do Barbanza dentro da marca do destino, que ata agora tiña como protagonismo á Ría de Arousa Norte.

Nesta presentación aproveitouse tamén para presentar de xeito detallado a Estratexia Turística que está en marcha desde a Mancomunidade. Unha das primeiras accións destacadas é a creación da Comisión de Turismo e Comercio do Barbanza, Fátima Cachafeiro, xerente da Mancomunidade destacaba que “esta comisión nace coa función principal de axudar a subsanar a crise do COVID- 19 e redefinir a construción dun modelo turístico de calidade, rendible, atractivo e sostible e está representada polo sector público: Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, Concellerías de Turismo e Comercio de cada concello, técnicas de turismo de cada concello e polo sector empresarial turístico: a través das empresas representantes comarcais dos sectores turísticos e a través das xerencias das asociacións empresariais locais”.

Algunhas das empresas do sector privado que forman parte desta comisión son: O Curral do Marqués (Rianxo), Bar Plaza (Ribeira), Camping Barraña (Boiro), O Apartadiño (A Pobra do Caramiñal), Golfiño (Ribeira), Palmira Scuba (A Pobra do Caramiñal), Viaxes Ecuador (Ribeira).

Outras das accións presentadas esta mañá e que xa están en marcha é o Sistema de Venta Cruzada, que permite visibilizar a dispoñibilidade online de aloxamentos e a oferta de ocio, con opción de reserva e pago anticipado. Este servizo buscar unir os negocios turísticos para crear un produto turístico variado e con maiores posibilidades. A día de hoxe están participando 20 empresas de toda a comarca e está aberto para todas as que estén interesadas.

Desde a Mancomunidade Barbanza Arousa para esta tempada estival tamén presentan dúas accións coas que chegar tanto á poboación comarcal como a posibles visitantes doutras áreas xeográficas, a primera delas é o Autocine Lúa Chea no Barbanza que comezará este venres no concello de Boiro e que xa conta cun cheo absoluto, pois desde comezos da semana as entradas están esgotadas para ver as catro sesións. Complementan esta actividade outra proposta que mestura a paisaxe e os recursos turísticos, poñendo en valor o talento creativo e cultural de referencial nacional. Baixo o nome de Paisaxes Sonoras, durante o mes de agosto a comarca do Barbanza contará cunha proposta cultural que se realizará en espazos emblemáticos onde o propio escenario contará con dous elementos clave: a Serra do Barbanza e a Ría de Arousa.

Complementan todas estas accións a posta en marcha dunha campaña de Promoción da Ría de Arousa en colaboración coa Mancomunidade do Salnés, co obxectivo de promocionar a ría como un recurso navegable todo o ano e como orixe da tradición Xacobea (-ruta xacobea Mar de Arousa río Ulla).

Manolo Ruiz, presidente da Mancomunidade encargouse de pechar esta presentación: “son moitos e moi ambiciosos os proxectos aos que se enfronta este ano a nosa Mancomunidade. Proxectos que, nalgúns casos tiveron que ser reformulados para facer fronte a esta nova situación que estamos a vivir, adaptándonos a un novo mundo no que a tecnoloxía e a vida en pequeno formato son as grandes protagonistas. Tal e como se mostra nesta estratexia “o destino Barbanza Arousa é das empresas que día a día abrides as vosas portas e loitades para darnos os mellores servizos, das traballadoras e traballadores dos diferentes ámbitos e, por suposto, de cada un dos seus habitantes que elixides Ribeira, Boiro, A Pobra do Caramiñal ou Rianxo para facer o voso proxecto máis importante, o voso 
proxecto de vida”.

Esta presentación contou coa participación de Manolo Ruiz, alcalde de Ribeira e presidente da Mancomunidade Barbanza – Arousa; José Ramón Romero, Alcalde de Boiro; Xosé Lois, Alcalde da Pobra do Caramiñal; Maria del Carmen Ficheira, Tenente Alcalde de Rianxo e Fátima Cachafeiro, xerente da Mancomunidade Barbanza – Arousa.