'Benvidos á fase A Coruña', campaña para animar aos s cidadáns da Península Ibérica


Turismo da Coruña lanzou este mércores unha nova campaña cun primeiro teaser no que convida a visitar a cidade a través do lema 'Benvidos á fase A Coruña'. Esta é a primeira acción dunha campaña que convidará os cidadáns da Península Ibérica a coñecer a cidade e a cultura atlántica, tamén denominada nesta ocasión a 'fase atlántica'.

Nesta parte destácanse accións que estrañabamos durante o confinamento e das que agora poderemos gozar, facendo ver que A Coruña é o lugar idóneo para poder vivir este tipo de detalles aos que agora damos máis importancia tales como gozar da praia, da gastronomía, da tranquilidade ou de novas experiencias.

A campaña busca dar un enfoque moi positivo, motivador, empático e destacando a nosa cultura e carácter atlántico. Tamén resalta as vantaxes da Coruña, que é un destino seguro ao non estar masificado e de confianza para visitantes e turistas.

Desta maneira, A Coruña busca promoverse coma un destino sustentable no que se pode gozar da natureza grazas á influencia do Océano Atlántico e tamén dunha urbe moderna, ideal para os amantes dos 'city breaks' e que ademais destaca pola súa moda, a súa paisaxe, a súa cultura, cosmopolitismo, carácter integrador e a súa gastronomía. Está dirixida aos viaxeiros que buscan vacacións en familia ou unha escapada en parella, buscando reforzar o turismo de proximidade.

Esta nova campaña de Turismo da Coruña forma parte do plan de choque post Covid-19 que se preparou durante os últimos dous meses. O plan de choque, e a campaña na súa totalidade, serán presentados o vindeiro martes 30 de xuño nun Encontro Profesional de Turismo no Palexco.