As discotecas e locais de lecer nocturno poderán volver á actividade en Galicia e as verbenas e festas populares poderán celebrarse de novo a partires do 1 de xullo. O plan presentado pola Xunta divídese en dúas partes, a primeira estenderase durante todo o mes de xullo, cando no interior dos locais de lecer nocturno o aforo estará limitado a un 75%, mentres que as pistas de baile contarán, como máximo, cun 50% de ocupación.
A segunda fase comezará a partir de 31 de xullo e poderá supoñer unha ampliación do aforo, se a evolución epidemiolóxica e o cumprimento das medidas durante a fase uno así o aconsellan. “As garantías sanitarias son o primeiro que se ten que observar”, apuntou o vicepresidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda.
O uso da máscara será obrigatorio dentro do local e haberá un sistema de rexistro para poder localizar aos clientes no hipotético caso de que se detectase un positivo. Este sistema de rexistro será obrigatorio en todos os locais, pero a cesión de datos por parte do cliente será voluntaria.
No caso da verbenas, o aforo calcularase cunha persoa por cada tres metros cadrados e haberá fixados aforos máximos. Nos espazos de 8.000 metros cadrados ou menos, o máximo será de 1.000 persoas; no caso de ter unha superficie superior, o máximo será de 2.000 persoas.
Para poder facer cumprir estes aforos, será preciso que a zona do evento estea delimitada. Deberá haber tamén un punto de entrada e de saída diferenciados. O escenario deberá estar a catro metros de distancia do público e tanto os compoñentes das orquestras e bandas como o público deberán portar máscaras de forma obrigatoria. Será unha excepción os vocalistas e intérpretes de instrumentos de vento, que poderán quitar a máscara durante a súa actuación.
Para atraccións de feira, o aforo tamén se calculará na base dunha persoa por cada tres metros cadrados. Neste caso, o máximo será de 700 persoas nas superficies iguais ou inferiores aos 8.000 metros cadrados; e de 1.000 persoas no caso de superficies superiores.
As atraccións poderán ocuparse ata un máximo que permita manter a distancia de seguridade interpersoal e, se esta non se pode asegurar, reducirase ao 50% en cada fila (aínda que esta limitación non será de aplicación en caso de persoas conviventes). Nas atraccións que non teñan asentos, o aforo máximo será do 50%. Neste caso, será tamén obrigatorio o uso de máscara.