"Mozart á galega" e transporte en autobús ao mosteiro de Caaveiro


Catro concertos compoñen o programa co que a Deputación da Coruña promove o espectáculo "Mozart á galega" que levará a música clásica con acento propio a catro concellos da Coruña. O espectáculo de Atlantic Mozart Flute Quartets sentirase do 25 ao 28 de xuño en Ames, Fisterra, Pontedeume e Noia.

Con Luís Soto na Frauta Travesa, David García no violín, Ioana Ciobotura na viola e Millán Abeledo no violonchelo, "Mozart á galega" mestura dous mundos musicais en aparencia afastados mais que se dan a man nun programa que achega á música clásica á tradicional galega. O espectáculo está pensado para todo tipo de públicos, desde os máis novos aos maiores, e a xira polos concellos da provincia forma parte dos actos de conmemoración da Área de Cultura da Deputación da Coruña polo Día da Música.

Os recitais inclúen unha charla-guía de audición para o achegamento ao programa. "Trátase dunha iniciativa que elimina prexuízos e que fai sentir no mesmo concerto a nosa música tradicional e a clásica dun autor de canon como é Mozart e o resultado demostra que son harmoniosas, que pegan ben e poden agradar a persoas amantes da música", destaca o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

E, doutra banda, ata o 6 de setembro, a Deputación da Coruña, en colaboración co Parque Natural das Fragas do Eume, pon a dispor de visitantes un servizo especial de transporte de visitantes en autobús ao mosteiro de Caaveiro.

Co obxectivo de facilitar a accesibilidade ao cenobio durante os meses de maior afluencia de visitantes, a Deputación habilitará de novo este verán un servizo gratuíto de transporte que unirá o centro de interpretación e o acceso ao mosteiro, con buses de ida e volta todos os días, cada hora, entre as 10.30 h e as 20.00 horas.

Seguindo as indicacións das autoridades sanitarias, será obrigatorio o uso de máscara tanto no autobús coma no recinto do mosteiro, excepto para os menores de seis anos.