O próximo mes de outubro celebrarase en Santiago de Compostela o XII Congreso Internacional de Asociaciones Jacobeas, que inicialmente estaba previsto para maio en Madrid, pero que tralo aplazamento forzado pola crise sanitaria se moverá a Galicia.
O Goberno galego e a Federación Española de Asociaciones de Amigos do Camiño de Santiago colaborarán na organización desta cita co obxectivo de continuar co legado de Elías Valiña, o gran impulsor do Camiño e destes congresos internacionais. Nunha situación como a actual, na que a peregrinación se veu interrompida, e ante a próxima celebración do Ano Santo, todos coincidiron na necesidade de continuar traballando xuntos e preservar os valores do Camiño, que se presentan máis necesarios que nunca.
Este congreso formará parte dos prolegómenos do Xacobeo 2021, pois está previsto que a Porta Santa abra o 31 de decembro, e chega coincidindo coa concesión da Medalla Castelao ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago, unha decisión aprobada o pasado venres no Consello da Xunta. Trátase dun recoñecemento a estas entidades que, de xeito altruísta, colaboran desde hai décadas na conservación da Ruta Xacobea, na difusión do seus valores ao longo de todo o mundo e na propia atención aos peregrinos.
Entre os obxectivos do XII Congreso estará facer unha chamada á volta á normalidade no Camiño e facer visible o traballo en marcha na preparación do Xacobeo 2021, o primeiro que se celebra en 11 anos. Nesta liña, a Federación, que se encargará da organización da cita, prevé a asistencia de 150 congresistas procedentes de diferentes países.