O Deputado de Promoción Económica e Social de Lugo, Pablo Rivera Capón, presentou o VIII Rally Turístico Terras do Incio, xunto aos organizadores deste evento, Andrés Castro e Pilar Debelius. Esta edición terá lugar dende o 8 ata o 14 de xullo e reunirá a 25 coches clásicos. Como novidade a ruta dará comezo no concello de Monforte de Lemos e, por primeira vez, todo o percorrido discorrerá pola provincia de Lugo. A Deputación colabora con este evento cunha achega económica de 4.000 euros.
A ruta arrincará o vindeiro 8 de xullo no concello de Monforte de Lemos e os vehículos estarán expostos no aparcamento dos Escolapios dende ás 11:00 horas ata ás 19:00 horas. Durante 6 días e ata o 14 de xullo os 25 coches clásicos que participan nesta ruta percorrerán a Ribeira Sacra, a Serra do Courel, a cidade de Lugo, a mariña lucense ou o Concello de Vilalba, entre outras zonas da provincia. Participarán vehículos exclusivos tipo Mercedes, Jaguar, Aston Martin, Masseratti, Morgan, Porche, Lotus ou Ford, chegados de diferentes puntos do país así como tamén de Portugal e Francia.
Ademais co fin de que este evento poida desenvolverse garantindo as máximas condicións de seguridade e saúde: limitouse o número de vehículos, confirmáronse os protocolos de seguridade cos establecementos hoteleiros así como cos restaurantes e comunicáronse as medidas a seguir a todas e todos os participantes.