Este mércores o Camiño de Santiago retomará a súa actividade coa reapertura dos albergues públicos, da Catedral de Santiago e do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, onde se expide a Compostela que acredita ter culminado a peregrinación
Lóxicamente, a rede de albergues non abrirá de golpe, senón que se coordinará cos concellos un proceso consensuado e gradual que se iniciará cos albergues máis necesarios, é dicir, aqueles que supoñen máis do 50% do total de prazas de aloxamento en albergues en cada municipio.
Un mínimo de 28 albergues da rede pública prestarán servizo desde a primeira xornada (18 de xestión autonómica, oito de xestión municipal e dous a cargo de asociacións) e irán sumándose novas aperturas progresivamente en función da demanda e a oferta, para o que o Goberno galego, os concellos polos que discorre o Camiño e o propio sector estarán en contacto. Se se detecta unha necesidade, activaranse inmediatamente para prestar servizo, posto que todos estarán listos e en disposición de facelo desde o propio 1 de xullo. En calquera caso, a previsión é que o 1 de setembro todos os albergues estean xa operativos.
O obxectivo conxunto é garantir a atención aos peregrinos en cada itinerario e, ao mesmo tempo, propiciar a reapertura dos establecementos privados, pechados durante este tempo e que recuperen así a actividade económica e os empregos nas súas comarcas. Con esta mesma finalidade, os albergues públicos manterán unha capacidade máxima do 50%, mentres que no resto de albergues permitirase incrementar a porcentaxe ata o 75%.
Co fin de dar garantías aos peregrinos no actual contexto sanitario, tamén se habilitará nos vindeiros días un sistema online de reservas, que convivirá coa posibilidade de solicitar praza presencial ao chegar ao albergues sempre que dispoña de capacidade. Así, os peregrinos poderán reservar cama desde o día anterior ata as 13,00 horas do día da pernoita. A partir desa hora, se o albergue dispón de prazas libres, estarán a disposición dos peregrinos que cheguen, facéndoo así compatible a reserva previa co espírito de acollida máis tradicional. Esta nova opción facilita a peregrinación poscovid-19 con maiores certezas e confianza.
A previsión é que os primeiros albergues en abrir sexan os seguintes: A Gudiña, Begonte, Betanzos, Boimorto, Carral, Castroverde, Lalín, Laza, Mesía, Miño, Monterroso, Mos, Neda, Ordes, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Samos, San Cristovo de Cea, Sandiás, Teo, Trasmiras, Valga, Vedra, Verín, Vilar de Barrio, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía.