Rehabilitación da Ponte Cabirta, en Ames


A Deputación da Coruña financiará a recuperación da Ponte Cabirta, no Concello de Ames. A obra conta cun orzamento total de 36.000 euros, dos que 27.000 euros serán investidos pola Deputación e 9.000 euros polo Concello. O proxecto permitirá protexer e consolidar a calzada e o arco da ponte sobre o río Sar, na parroquia de Bugallido.

O pleno provincial aprobou onte por unanimidade o convenio que permitirá rehabilitar o paso peonil, consolidar a obra de fábrica sen alterar a xeometría actual e reparar o lousado conservado nas ribeiras.

Nas zonas que conten con lousado danado, procederase á recuperación das pedras para a súa nova montaxe. Para dificultar o crecemento de plantas neste punto empregarase balastro estabilizado con cal hidráulica.

A actuación contará tamén con tarefas para desbravar en ambas marxes, nunha franxa de 6 m a cada lado do camiño. Á súa vez, proxectarase a instalación de dous canos para facilitar a conservación do camiño, que agora formará parte dunha ruta de sendeirismo. Un contará con 30 centímetros de diámetro para a drenaxe transversal de augas de desaugadoiro, e outro con 60 centímetros para cruzar a canle existente. Tamén se construirán dúas lombas de pedra coa mesma finalidade.

A construción do novo paso adaptarase ao réxime hidrolóxico, reducindo ao mínimo o impacto na sección natural neste tramo do río. O material escollido para a pasarela será de aceiro corten. A estrutura contará cunha varanda de tubo de 30 mm de diámetro na rocha para indicar a dirección de tránsito na zona dereita da pasarela, que contará con dous chanzos.

A obra suporá tamén a instalación de dúas balizas de sección cadrada para soportar os impactos das árbores que poida arrastrar o río nas riadas e a colocación de sinalización que indique a necesidade de precaución no novo paso.