A Noite do Patrimonio volverá a celebrarse o vindeiro sábado 12 de setembro de forma simultánea nas 15 Cidades Patrimonio da Humanidade de España, nunha edición que se reforzará coa retransmisión en directo de todos os eventos e espectáculos do Festival Escena Patrimonio a través da nova páxina web do Grupo, así como dende a páxina web da Unesco.
O grupo de cidades, no que está integrada Santiago de Compostela, recibiu o apoio da directora xeral do Centro de Patrimonio Mundial da Unesco, Mechtild Rössler, incorporando a retransmisión á súa páxina web para que poida o evento poida seguirse dende calquera país do mundo en directo, difundíndose tamén a través das redes sociais e das súas canles de comunicación. Da mesma forma, as asociacións de Patrimonio Mundial de Francia, Reino Unido, Italia e Alemaña retransmitirán os eventos a través das súas plataformas.
A Noite do Patrimonio estará estruturada en tres seccións comúns ás 15 cidades:
1.- Festival Escena Patrimonio. Celebrará a súa terceira edición, coa danza contemporánea e creativa como protagonista de 15 espectáculos, un en cada cidade da rede, que se representarán en prazas, claustros, antigas igrexas ou outros espazos culturais significativos do seu patrimonio. No caso de Santiago de Compostela, o espectáculo correrá a cargo de Aida Colmenero e celebrarase no Museo do Pobo Galego.
A selección das compañías e espazos que integran este festival foi realizada pola Comisión de Educación, Cultura e Deporte do Grupo, co asesoramento artístico de Lorenzo Pappagallo, xestor cultural e coordinador de produción de eventos internacionais, que dirixiu con éxito as dúas edicións anteriores deste grande evento da danza no noso país e que presentou a nova web dende a que se retransmitirán en directo todos os espectáculos.
2.- Aberto Patrimonio. Dende as 20:00 horas e ata a madrugada, abriranse ao público de forma gratuíta espazos patrimoniais e culturais, o que permitirá gozar de museos, palacios, igrexas, concellos e edificios representativos fóra do seu horario habitual. A esta iniciativa súmanse algúns dos establecementos históricos que Paradores xestiona nas Cidades Patrimonio.
3.- Vive Patrimonio. Dende as concellarías de Cultura e Patrimonio de cada cidade organizaranse multitude de espectáculos en pequeno formato dirixidos aos distintos colectivos nas 15 cidades, en prazas, rúas e espazos patrimoniais. Haberá concertos de corais e grupos instrumentais, exposicións, recitais de poesía, contacontos, monicreques, visitas teatralizadas, xogos, proxeccións de audiovisuais, etc., dentro de estrita medidas de seguridade. Aquí terán un papel destacado os colectivos locais culturais, como apoio dos concellos ao tecido cultural.