O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse co embaixador de Portugal, João Mira Gomes, para tratar a posibilidade de rexionalizar Portugal dentro do protocolo elaborado pola Xunta, que obriga ás persoas que veñan á Comunidade a comunicar a súa chegada cando procedan doutros territorios cunha incidencia epidemiolóxica 3,5 veces superior á de Galicia.
Se ben no protocolo non se fan diferencias dentro do territorio dos países, agás no caso de España, Feijóo abre a porta a establecer unha diferenciación por zonas de alta incidencia da covid-19 tamén para o país veciño, ante os estreitos lazos que nos unen.
O presidente da Xunta aproveitou para recordar que se trata dun servizo a favor e nunca en contra para que a xente poida vir a Galicia, coa finalidade de ter localizadas ás persoas que proveñen dos territorios con maior risco epidemiolóxico e poder actuar, no caso de que sexa preciso, dunha forma máis rápida.
Así, ademais de proporcionar información e recomendacións sanitarias, poderán adoptarse as medidas de seguimento, recoñecemento e control que se consideren necesarias, podendo promoverse a realización dunha proba diagnóstica independentemente de que se teña sintomatoloxía ou non. E a atención que se considere necesaria polos profesionais do Sergas non terá custo para a persoa que o precise, incluíndo a realización de probas ou, no seu caso, dos tratamentos indicados.