Etiqueta Negra celebrarase en Pontevedra do 6 ao 8 de novembro


A feira profesional Etiqueta Negra, Gourmet Galego e Innovación Inspiradora celebrará o venres 6, o sábado 7 e o domingo 8 de novembro de 2020 no Recinto Feiral de Pontevedra a súa quinta edición cun dobre obxectivo: por unha banda, apoiar e axudar aos profesionais do sector a relanzar os seus negocios nestes momentos complicados derivados da expansión da Covid-19, e por outra, seguir a difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos. 

Para iso iníciase a comercialización do seu espazo feiral na que –como sucede desde o comezo deste evento– primarase a singularidade, a orixinalidade e a maior calidade das referencias fronte á cantidade de expositores. 

Etiqueta Negra está organizada polo Concello de Pontevedra, a través da Concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe Yoya Blanco. “Nesta edición especial imos redobrar esforzos para que sexa unha feira rendible para os expositores, atractiva para os visitantes e segura para todos”, asegura a concelleira. 

De forma temporal nesta edición, a feira do gourmet galego adáptase para ofrecer ao público unha experiencia gastronómica especial que será a gran novidade deste ano. Tamén o horario de celebración sufrirá modificacións e distribuirase en dúas quendas, unha de mañá de 11.00 a 14.30 e outra de tarde de 17.00 a 20.30 h. 

Cómpre destacar que a feira abrirá as súas portas coas medidas necesarias para garantir a seguridade de todos os expositores, profesionais e público visitante. Tanto a organización do certame como o Recinto Feiral de Pontevedra contarán cun plan de seguridade específico, seguindo as normas establecidas polas autoridades sanitarias. 

Entre outras medidas implementarase o uso obrigatorio de máscara, o control do fluxo de visitantes con circuítos de entrada e saída, a desinfección e o reforzo da limpeza, ou a ampliación e reordenación de espazos para garantir a distancia social.