As obras de posta en valor da ponte do Burgo rematan esta semana e para celebralo o Concello de Pontevedra deseñou unha "inauguración espallada" ao longo de todo o mes de agosto, co obxecto dar cabida ao maior número posible de persoas atendendo ás medidas de distanciamento social e de seguridade e prevención da Covid-19.
O primeiro acto formal terá lugar o martes 4 e continuará con roteiros os mércores 12, 19 e 26 de agosto. O primeiro dos actos, o do día 4 de agosto, comezará ás 22h coa apertura da mostra sobre a Ponte do Burgo na que se fai un percorrido por todas as etapas históricas desta infraestrutura e a súa relación coa cidade. Ás 22:30h está previsto que se faga o primeiro acendido monumental da ponte e ás 23h un acendido ornamental con luces de cores que durará menos dun minuto.
En canto aos roteiros, que terán lugar os mércores 12, 19 e 26 de agosto, será preciso anotarse na web do Concello. Contemplanse dous roteiros por día: un infantil entre as 19h e as 20h (para rapaces e rapazas a partires de 5 anos) e un de adultos entre as 21h e as 22:30h que rematará cun petisco no Mercado. Cada roteiro conta con 21 prazas.