O Concurso de Tapas Picadillo prepara a súa decimo sétima edición ao abrir desde este xoves a inscrición para que os locais de hostalaría poidan participar no afamado concurso de gastronomía que porá a proba aos cociñeiros coruñeses entre o 5 e o 15 de novembro.
O certame está aberto a todos os establecementos da cidade, e aqueles que desexen participar poderán anotarse a través da web do concurso, tapaspicadillo.es, ata o mércores 9 de setembro ás 14h. Tamén nesa web poderán atopar o contacto para resolver as súas dúbidas.
Nesta edición, volverán convivir as dúas categorías de tapas, a tradicional e a creativa, ademais da categoría da maridaxe, que nesta ocasión será con viños da Denominación de Orixe Valdeorras. O gañador destas tres categorías será escollido por un xurado formado por recoñecidos expertos.
Ademais, nesta ocasión, o premio Cidade da Coruña, escollido por votación popular, elixirase votando a través da web app do concurso ao que se accederá a través do QR personalizado de cada establecemento. Só será posible un voto por cada tapa.