Desde a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) desmenten que a hostalería de Monforte de Lemos estea pechada, como se publicou nalgúns medios no día de onte.
A Apehl confirma que a verdadeira situación é que desde Sanidade se están facendo probas por establecementos para o rastrexo de casos. “Aqueles establecementos que fixeron as probas PCR son os que están pechados soamente ata recibir os resultados para máis seguridade”, destaca Cheché Real, presidente de Apehl.
Desta maneira traballa a hostalería de Monforte ao someterse ás probas, para garantir ao máximo a seguridade e saúde tanto dos clientes como dos empresarios e os traballadores do sector. “Queremos que a xente siga consumindo nos establecementos de Monforte coa máxima confianza”, insiste Real.