Cultura urbana feita por mulleres da Comunidade galega no Gaiás


A Xunta de Galicia porá en valor a cultura urbana feita por mulleres da Comunidade galega nunha xornada que se celebrará o sábado 12 de setembro no Gaiás e que inclúe faladoiros, unha mesa de debate, un encontro de improvisación pictórica e un concerto de peche protagonizado pola compositora e intérprete viguesa High Paw. 

Mulleres e cultura urbana encádrase no marco da segunda edición do festival Delas Fest. Festival feminista de urbana e contextual, que se celebra ata o 20 de setembro nas localidades de Ames, Teo, Santiago de Compostela e Brión. Impulsada por 7H Cooperativa Cultura, a xornada da Cidade da Cultura está enxerida dentro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da consellería de Cultura e Turismo. 

A actividade, de balde previa inscrición, desenvolverase no Auditorio do CINC e no Xardín do Teatro da Cidade da Cultura e divídese en dúas sesións: unha pola mañá teórica e máis deliberativa - para a que xa se pode facer a inscrición- e outra pola tarde, que inclúe unha jam pictórica con spray e unha actuación musical de peche, para a que se abrirá a inscrición nos vindeiros días. 

Faladoiros e mesa de debate 

A xornada da mañá do sábado 12 arrancará ás 10,00 horas no Auditorio do CINC do complexo Gaiás con dous faladoiros ao redor do traballo artístico no espazo público, protagonizados pola creadora colombiana especialista en xénero Lina Castellanos e a muralista e docente universitaria viguesa Lorena Arévalo. 

A continuación, a comisaria do Delas Fest, Clara R. Cordeiro, moderará unha mesa redonda na que as artistas galegas Eva Comesaña, Festa, IRA, Iria Prol e Marcia Vázquez examinarán o estado da cultura urbana no noso país desde as súas experiencias en diferentes disciplinas. 

Jam pictórica e concerto de peche 
Na quenda da tarde, o encontro adquire un carácter más festivo coa celebración do encontro de improvisación pictórica Delas Jam. Carola Bagnato (Mar de Plata), Festa (Compostela), IRA (Compostela), Killa.eK (Quito), Porte (Compostela), Sax (Vigo), Shen Oner (Huesca) e Sphiza (Porto) son as oito artistas seleccionadas para participar na actividade, destinada a xerar un espazo lúdico para o diálogo e a experimentación pictórica. 

A creadoras, especialistas en graffiti, foron gañadoras das oito bolsas de creación que 7H Cooperativa Cultural lanzou co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Cidade da Cultura e Montana Colors, empresa catalá que facilita o spray necesario para as intervencións. 

As pezas serán realizadas sobre superficies de papel de celofán, situadas entre as árbores do Xardín do Teatro do Gaiás, onde tamén se habilitará un espazo para que as mulleres e cativada que queiran experimentar tamén poidan facelo e de balde. 

Coma colofón da xornada, a compositora e cantante viguesa High Paw, ofrecerá un concerto co seu persoal estilo de soul, reggae, roots, raggamuffin e letras feministas. 

Prazas limitadas e seguimento por streaming 
Para asistir como público ao evento, é preciso rexistrarse na páxina web da Cidade da Cultura –www.cidadedacultura.gal– onde hoxe está aberto o proceso de inscrición de 40 prazas para asistir ás sesións da mañá do sábado 12 de setembro. 

Para as actividades da tarde, na que tamén será preciso rexistrarse, o proceso de inscrición habilitarase nos próximos días. As persoas que non poidan acudir presencialmente aos faladoiros e a mesa redonda poderán seguir a xornada en streaming na canle de Youtube de 7H Cooperativa Cultural.