Cunha alta e exitosa implantación, a ferramenta que permitiu a implantación das cartas dixitais na hostelería da Ría da Estrela foi presentada oficialmente hoxe en Noia nun acto no que tomou parte a presidenta da Ría da Estrela, Teresa Villaverde, acompañada do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o alcalde de Noia, Santiago Freire.
Precisamente a presidenta da Ría da Estrela fixo fincapé na súa intervención de que a implantación destas cartas dixitais é unha boa mostra da cooperación coa Deputación da Coruña, quen financiou ao 80% a medida a través da liña de apoio a entes de xestión de destinos, pero tamén de cómo poden confluir medidas de modernización do sector coas de seguridade e hixiene derivadas da pandemia do coronavirus.
Pola súa banda o vicepresidente de turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, quen acudiu acompañado pola resposable de turismo da Deputación da Coruña, destacou a excelente sintonía de traballo coa Ría da Estrela ao tempo que incidiu en que esta crise motivada polo coronavirus debe ser unha oportunidade para mellorar na competitividade dos establecementos de hostalería e do sector turístico no seu conxunto.
O seu funcionamento é sumamente sinxelo e o grao de satisfacción co seu uso entre hostaleiros e comensais é moi alto, cun 80% de comentarios positivos segundo a enquisa feita entre os profesionais, tralo proceso de formación e posta en marcha do sistema. Neste sentido varios hostaleiros participaron no acto de presentación, como Pepe Suárez, do Pepe do Coxo, ou José Senante, da Muradana, que destacaron
tanto a facilidade no uso da ferramenta como as súas posibilidades de ampliación da interacción cos clientes. Cabe destacar, por último, que calquera hostaleiro da Ría da Estrela pode beneficiarse do Emenú Ría da Estrela, só ten que solicitar a súa adhesión ao programa, que segue sumando novos participantes.