Inauguración das novas instalacións do albergue de Pontevedra



O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, inaugurou as novas instalacións do albergue de peregrinos da cidade de Pontevedra, unha actuación coa que a Xunta de Galicia dá resposta ás necesidades expresadas pola Asociación de Amigos do Camiño Portugués, que desde hai dúas décadas atende este establecemento da Rede Pública de Albergues, que gaña agora 20 novas prazas, o que supón un incremento do 27% na súa capacidade aloxativa. 

Acompañado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto co deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, e o presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores, durante o acto de inauguración, o conselleiro en funcións animou a seguir traballando por un Camiño seguro que dea continuidade ao traballo conxunto e coordinado que veñen levando a cabo as distintas administracións, a Igrexa, o sector turístico e as asociaciacións de amigos do Camiño ao longo dos meses do verán. “Non é doado, pero estamos a conseguilo. Todos a unha estamos facendo un importante esforzo para garantir unha peregrinación segura”, expresou. 

Rigor, respecto e prudencia 

“O Camiño de Santiago recupérase pese o actual contexto sanitario, pero, con todo, as cifras non poden ser a prioridade, senón o traballo coordinado que nos está permitir seguir impulsando a Ruta Xacobea con seguridade para todos”, dixo. Neste sentido agradeceu a boa disposición tanto de peregrinos como de profesionais do sector para cumprir as recomendacións e medidas con rigor, respecto e prudencia. 

O conselleiro en funcións afirmou que, malia que é "obvio" que o número de peregrinos se reduxo comparativamente, rexístrase unha “progresiva reactivación” do Camiño. Así, entre xullo e agosto houbo un incremento do 70%, pasando de 9.752 a 16.572 peregrinos, é dicir, un total de 26.324, unha evolución extensible igualmente ao Camiño Portugués. Na súa opinión, isto amosa que a Ruta Xacobea “segue espertando interesese é contribúe a reactivación económica e emocional de Galicia”. 

Seis de cada dez peregrinos reservan online 

Neste sentido, recordou a batería de medidas que están facendo posible esta reactivación no marco do programa Camiño Seguro para adaptar a peregrinación á situación actual da man da prevención con iniciativas como asesoramento gratutíto aos profesionais ou a formación online en materia hixiénico-sanitaria que chegou a preto de 400 profesionais do Camiño de Santiago. Referiuse, ademais, aos 6M€ postos a disposición do sector para financiar a adquisición de material de protección para adaptar os seus negocios, ou ao traballo conxunto en colaboración co Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE) con materiais de recomendacións e prevención. 

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións puxo de manifesto tamén a boa acollida que están a ter outras iniciativas como a nova plataforma online que permite reservar praza nos albergues públicos para dar maiores garantías aos peregrinos. Posta en marcha o pasado 1 de xullo, coincidindo coa reactivación do Camiño, xa é empregada por seis de cada 10 peregrinos que fan uso dos albergues públicos. Ademais, desde esa data, estes establecementos rexistraron un total de 5.430 pernoitas, das que 800 foron realizadas no albergue da cidade de Pontevedra. 

Máis capacidade no Camiño Portugués 

O conselleiro en funcións realizou este balance durante a inauguración das novas instalacións do albergue de Pontevedra no que a Xunta realizou un investimento próximo aos 200.000 euros. O proxecto inclúe a construción dun novo pavillón intependente no que se habilitaron dez liteiras en pranta baixa que supoñen 20 prazas máis. 

Tamén se creou unha sala multiusos na planta baixocuberta e, aproveitando os traballos, foi acondicionado o xardín de camelias para aumentar os espazos de descanso dos peregrinos e se mellorou e dotou de sistema de rego automático. Adicionalmente, contarase cun sistema de illamento térmico para afondar na sustentabilidade do Camiño de Santiago. 

Esta ampliación enmárcase no Plan de Albergues posto en marcha pola Xunta de Galicia na antesala do Xacobeo 2021 co que está a acometer diferentes actuacións de mantemento e mellora nos albergues públicos para dar resposta ás novas demandas. 

Con estas actuacións, o albergue de peregrinos de Pontevedra pasa de contar con 72 prazas a 92, converténdose así no de maior capacidade do Camiño Portugués, una ruta onde a Rede Pública de Albergues conta con dez aloxamentos públicos que manteñen viva a tradición da hospitalidade xacobea.