A música galega é a absoluta protagonista dos Directos Xacobeo’21 en Salas, o programa da Xunta que ata finais do mes de outubro ofrecerá 131 concertos de 108 artistas e bandas galegas en 35 locais de música ao vivo de toda a Comunidade.
Segundo explicou o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, a iniciativa conta cun orzamento de 400.000 euros para contribuír á recuperación da actividade empresarial e artística neste ámbito e, con tal fin, foi deseñada como unha das medidas do Plan autonómico de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19.
O Goberno autonómico, que asume o financiamento íntegro deste programa, conta para o seu desenvolvemento coa colaboración da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura, que se encarga da súa xestión e coordinación como a entidade máis representativa no eido profesional da música en directo.
Román Rodríguez, que estivo acompañadopolo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, destacou as liñas xerais e obxectivos prioritarios de Directos Xacobeo’21 en Salas no transcurso do acto de presentación, que tivo lugar no Náutico de San Vicente do Mar, no Grove, un dos 35 escenarios que acollen esta programación. Interviñeron tamén Alberto Grandío, presidente de Clubtura; Javier Prado, vogal da asociación Músicas ao Vivo, e Miguel de la Cierva, propietario do Náutico, ademais de contar coa actuación musical de Blues do País.
Programación polo Ano Santo
O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións salientou a aposta por parte da Xunta á hora de favorecer a recuperación do sector da música ao vivo a través de diferentes proxectos recollidos no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico, como é o caso desta iniciativa e outras como o ciclo Galicia Emerxe, o apoio aos festivais adheridos á marca FEST Galicia ou accións como o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21 que inclúe iniciativas musicais, audiovisuais e de artes escénicas.
Precisamente, Román Rodríguez subliñou que este proxecto abre unha nova vía de apoio aos artistas e salas privadas de música ao vivo, ás que recoñeceu o seu valor como piares fundamentais do sector musical en Galicia e como punto de partida e de lanzamento de multitude de carreiras profesionais. Do mesmo xeito, agardou que esta proposta sirva para impulsar a nosa Comunidade como un referente cultural e musical de primeiro nivel aproveitando a proximidade do Xacobeo 2021.
Cultura segura presencial e online
Directos Xacobeo’21 en Salas, que arrancou a pasada semana con oito concertos no Barco de Valdeorras, Bueu e A Coruña, celebrarase con asistencia de público, atendendo ás medidas respecto á capacidade e ás condicións hixiénico-sanitarias que, en cada momento, dispoñan as autoridades competentes. Ademais, serán gravados e editados para a súa posterior retransmisión a través de www.directosxacobeo.com/.
Os responsables das 35 salas participantes foron os encargados de elixir as súas respectivas ofertas musicais como parte deste ciclo, a partir de todas as propostas artísticas galegas, de moi variados estilos musicais, recibidas por Clubtura mediante unha convocatoria aberta pola asociación na páxina web do programa.
Estes carteis despregaranse en 16 escenarios da provincia da Coruña (Bâbâ Bar, Garufa Club, Playa Club, Filomatic e Mardi Gras na Coruña; A Pousada da Galiza Imaxinaria en Boiro, La Room e Ruido en Ferrol, A Ventana en Laxe, A Fundación e Pub Gatos en Melide, Sala Guión en Pontedeume e Borriquita de Belém, Casa das Crechas, Moon Music Club e Sala Capitol en Santiago de Compostela); 13 na de Pontevedra (Aturuxo en Bueu, Krazzy Kray en Cambados, Salason en Cangas, Sala Rebullón en Mos, Náutico no Grove e El Contrabajo, Komisky, La Fábrica de Chocolate, La Iguana Club, La Pecera, Master Club, Radar Estudios e Sinatra Coctel Bar en Vigo; catro na de Ourense (Café Teatro Bajo 5 no Barco de Valdeorras, Café Cultural Auriense e El Pueblo en Ourense e A Arca da Noe en Vilar de Santos) e dúas en Lugo (Clavicémbalo e JagerLounge).
Once citas esta semana