O portal de escapadas Weekendesk vén de publicar os resultados dunha enquisa realizada entre os seus usuarios, na que lle pedían que valorasen as medidas sanitarias que puxeron en marcha os hoteis españois para evitar a propagación da COVID-19.
Limpeza e desinfección son os elementos máis valorados por estes usuarios que puntúan a Cantabria, Asturias e Castela A Mancha como as rexións cos aloxamentos mellor valorados no cumprimento dos protocolos aprobados polas autoridades sanitarias, para garantir a saúde e seguridade dos hóspedes. A continuación figuran Cataluña e Comunidade Valenciana, todas elas con puntuacións de entre 8 e 8,3 sobre 10, seguidas dos aloxamentos galegos, con 7,9 puntos, Castela e León (7,8), Andalucía (7,5) e a Rexión de Murcia (7,1).
Para puntuar aos hoteis, os clientes valoran que cumpran con aspectos fundamentais como a limpeza e desinfección diaria e a fondo con produtos virucidas de zonas comúns e habitacións, posta en marcha de medidas para evitar o contacto con materiais de uso común, adecuación dos espazos comúns para garantir o distanciamento, control de aforamento nas diferentes áreas, disposición de produtos de hixiene como xeles hidroalcohólicos, información adecuada por parte dos empregados das medidas anti-Covid, así como a súa debida protección para evitar ser portadores, entre outros.
Ademais dunha redución na decoración ou nos téxtiles, moitos establecementos tamén apostaron pola implementación de ferramentas dixitais para mellorar as medidas de distanciamento como a implantación de códigos QR para ofrecer información ou menús, sistema de apertura da habitación co móbil ou sistemas de check-in express vía email para minimizar o contacto, ademais de adaptar os almorzos buffet por outros máis personalizados, ou adaptación de servizos termais pensados para a nova normalidade.