A semana que vén a cidade de Santiago promocionarase como destino turístico para os xaponeses grazas a súa participación na Jata Online Travel Mart, principal feira turística deste mercado que este ano se celebrará en formato electrónico pola crise sanitaria xerada polo Covid-19.
Do 31 de agosto ao 2 de setembro, Turismo de Santiago participará nunha feira á que acude anualmente xa que se trata dun espazo moi importante para a promoción turística da cidade no mercado xaponés así como noutros mercados asiáticos relevantes, como o coreano.
Neste 2020, a entidade de promoción turística municipal participará igualmente no evento co obxectivo de posicionar a cidade como destino seguro e atractivo unha vez se supere a crise sanitaria e se recupere a normalidade nos movementos.
Neste sentido, cabe destacar o interese amosado polos compradores xaponeses que están comezando a programar para o 2021 con miras ao Ano Santo e están xa solicitando contactos de provedores locais.
Este interese do mercado xaponés por Santiago demóstrase co feito de que a axenda de reunións está xa completa os tres días de feira, con 24 reunións previstas con turoperadores e axencias de viaxes que comercializan viaxes a España ofrecendo turismo cultural, gastronómico, de natureza e aventuras.
A feira online celebrarase na hora xaponesa, sete horas de diferencia coa hora local. As reunións de Turismo de Santiago farase na última franxa horaria do evento, que coincide de 08.00 a 12.00 do horario español.
A participación nesta feita virtual para os mercados asiáticos súmase á recente participación na City Fair, unha feira virtual con reunión virtuais con compradores europeos e de longa distancia. Dende Turismo de Santiago fíxose fincapé sobre todo na celebración do vindeiro Ano Santo.
Os profesionais cos que se mantiveron as reunión eran emisores de turismo cultural e gastronómico e durante os encontros houbo ocasión de facerlles unha presentación do destino e comentarlles as medidas que se están tomando para asegurar un destino seguro "Preparados Covid". Amosaron interese polos destinos non masificados e confirmaron que xa están programando viaxes para o vindeiro ano 2021.