O concello de Vigo aprobou este xoves a adxudicación da contratación das obras do sexto programa de medianeiras do ano 2020, que ten un orzamento de 259.000 euros e un prazo de execución de 3 meses para pintar 16 murais nas rúas San Roque, Aragón, Avenida Ramón Nieto, Cantabria, Avenida Guixar, Avenida Atlántida, Vilagarcía de Arousa, Ronda de Don Bosco, Venezuela, Avenida da Florida, República Arxentina, rúa Coruña, rúa Palencia, IES O Castro, rúa Regueiro e rúa Chao.
Coa incorporación destes 16 novos murais, Vigo sumará nada menos que 84 murais urbanos, un feito que fixo ao seu alcalde Abel Caballero considerar que “empezamos a ser unha das grandes cidades de Europa cun nivel importante de arte ao aire libre”, habendo en Vigo “murais marabillosos, de calidade artística maxistral, que transformaron zonas case marxinais en zonas visitadas e artísticas”. Amais apuntou que hai 49 centros educativos que pintaron os seus muros ao abeiro do programa, avanzando que “imos continuar coa ambición de ser a cidade de España con máis arte ao aire libre e imos nese camiño
Nos novos espazos está previsto que se eliminen os tratamentos anteriores, se limpen os muros e se mellore o recubrimento existente, aplicando pintura plástica na superficie a decorar e, unha vez pintado, aplicarase unha capa de verniz protector á intemperie. O programa inclúe tamén a recuperación dos murais anteriores que requiren tratamentos puntuais polo paso do tempo e haberá 100.000 € destinados a realizar actividades culturais e didácticas relacionadas co programa de arte.