#VisitasSeguras con “Muros, Vila de Auga e Sal” este setembro



"Muros, Vila de Auga e Sal" ofréceche a posibilidade de coñecer e interpretar un dos pobos mellor conservados da costa galega, a través dunha visita guiada que, de diferentes maneiras, trasládate á Idade Media e tráete á actualidade.

Un paseo desde a Virxe do Camiño, histórico repouso dos peregrinos que chegaban por mar, pasando polo monumento ás mulleres do mar ata a antiga Colexiata na zona alta, onde percorrerás a súa exposición permanente, contemplarás elementos únicos como a Serpe na pía, coñecerás ao Gremio do Mar e disfrutarás desde a torre miradoiro dunha das mellores vistas de Muros.

A visita finaliza no Centro de Interpretación, onde a Sardiña e a salgadura son protagonistas. O presbiterio e a sacristía ocupados agora polo centro de visitantes, é o que se conserva desta construcción hoxe desacralizada, e que foi a máis antiga igrexa parroquial de Muros da que se ten conta. 

Muros, Vila de Auga e Sal é unha aposta para coñecer o legado máis auténtico de xeracións de muradáns. Un vídeo proxectado sobre as paredes pon o broche de ouro para que a auga e o sal de Muros permanezan no teu recordo para sempre.