Xornadas gastronómicas coa Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo


O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña organiza do 12 ao 31 de outubro unhas xornadas gastronómicas que se caracterizarán por utilizar produtos da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo que abrangue a cidade e a súa contorna. 

Estas xornadas gastronómicas teñen como obxectivo establecer sinerxias entre restauradores coruñeses, produtores da reserva e consumidores, promovendo unha alimentación saudable e sostible coa implicación dos establecementos de restauración da cidade da Coruña.

Celebraranse tras o acordo asinado entre o Consorcio, o Concello da Coruña e a Reserva da Biosfera en materia gastronómica e de ecoturismo na edición de Fitur 2020.

Para poder participar, os establecementos hostaleiros da cidade que o desexen, deberán enviar a súa solicitude á oficina técnica ao correo marias@singulae.es antes do día 11 de setembro ás 14h, sendo gratuíta a participación. Poden atopar as bases na web de turismocoruna.com.

Cada establecemento deberá ofrecer un menú, prato/s e/ou proposta/s gastronómica/s na que os produtos da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo sexan os protagonistas que poderán ser salgados ou doces, ofrecendo como mínimo dúas das propostas mencionadas en cada local hostaleiro. O límite de establecementos participantes será de dez.