Apehl mostra o seu apoio a CEOE por paralizar as negociacións na prórroga dos ERTE




A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) mostra o seu apoio absoluto, xunto a Hostelería de España, á decisión que tomou a CEOE de paralizar as negociacións na prórroga dos ERTE ante a negativa do Goberno de incluír á hostalería e ao comercio.

O Goberno será responsable, se esta é a súa decisión final, da destrución de emprego e a desaparición dun terzo das empresas do sector. A día 31 de agosto había máis de 300.000 traballadores cobrando os ERTE (datos INE) e o sector pregúntase que pensa facer o Goberno con eles a partir do 30 de setembro, coas empresas con facturacións por debaixo do 50 %, o que fai inasumible nin sequera o pago dos gastos fixos de apertura dos negocios.

Por iso, desde Apehl agradecemos o apoio ao sector que está a demostrar a CEOE con esta decisión de pór freo ás intencións do Goberno e chamamos á recapacitación dos responsables políticos, para non deixar morrer a miles de pequenas e medianas empresas que sosteñen o sector hostaleiro neste país.

Ademais, existen exemplos noutros países de Europa, como Alemaña, que prorrogou os ERTE ata o 31 de decembro de 2021 para todos os sectores e cunha exoneración do 100 %.

Se non se aprobase a prórroga dos ERTE no sector hostaleiro, poderíase chegar a unha perda de 700.000 postos de traballo en todo o país, chegando mesmo a superar o millón de empregos se se suman os postos indirectos.