As actividades do Festival Mar de Mares continuarán durante o mes de outubro


O Festival Mar de Mares rematou onte a súa sétima edición cun cheo absoluto en todas as actividades deste ano. Con inscrición previa pola situación xerada pola COVID-19, Mar de Mares veu como algunhas das súas actividades esgotaron as súas prazas en cuestión de minutos. Por isto, desde Mar de Mares queren agradecer a súa participación a todas as persoas que asistiron este ano, un exemplo ao seguir todos os protocolos de hixiene e sanitarios establecidos polo Festival. 

Desde o xoves A Coruña converteuse na capital mundial dos océanos a través do programa de máis de 20 actividades do Festival Mar de Mares. Activismo, fotografía, gastronomía, literatura, salvamento marítimo, danza, novos movementos emerxentes… Nun ano moi difícil Mar de Mares completou unha gran programación con nomes como Isabel Muñoz, Yayo Herrero, Domingo Villar, Nacho Carretero, Miguel San Claudio, Hugo Dopazo, Adrián Felípez… 

Segundo Silvia Oviaño e Merce Carballo, Codirectoras de Mar de Mares, "queremos agradecer o seu apoio e compromiso ao Concello da Coruña, Xunta de Galicia e ao resto dos nosos colaboradores e patrocinadores por facer posible Mar de Mares. E, por suposto, ao público que abarrotou estes días a Fundación Paideia, a Domus, a Fundación Luis Seoane… E anunciamos que no ano 2021 volveremos”. 

Aínda que o groso do Festival rematou son varias as actividades de Mar de Mares que prolongan a súa duración, entre elas, a exposición O Mar da recoñecida fotógrafa Isabel Muñoz que permanecerá na Dársena da Mariña ata mediados de outubro.