Os balnearios galegos presentan “Un descanso nos Camiños”, un produto turístico que combina o Camiño de Santiago e a sua contorna coa oferta termal. Así o presentou o xerente de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, no I Congreso Internacional sobre Auga e Saúde que se está a celebrar en Expourense. A iniciativa non busca só o beneficio das empresas do sector termal de Galicia, senón o doutras empresas e actividades turísticas da oferta complementaria, priorizando o mercado de proximidade.
Benigno Amor, explicou que “Un descanso no Camiños”, que conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, é un dos cinco proxectos aprobados polo Clúster de Turismo de Galicia, presentado pola Asociación de Balnearios de Galicia en colaboración coa Fundación Expourense, Caldaria e Amigos da Cociña Galega. A través desta iniciativa búscase potenciar o turismo termal.
“É un produto turístico que combina os Camiños de Santiago coa oferta dos balnearios. A proposta inclúe aloxamento de dúas e tres noites, cun programa termal; unha actividade de sendeirismo ou ruta próxima aos balnearios participantes, preferentemente coincidente cun tramo do Camiño de Santiago; ademais dunha actividade de tipo cultural ou de lecer no contorno do establecemento termal (visitas guiadas, enoturismo, turismo activo de baixo impacto, experiencia gastronómica…)”, dixo.
Este proxecto foi inicialmente impulsado no ano 2010 no ámbito nacional desde a Asociación de Balnearios de Galicia, sendo novamente relanzado en 2019 con diferentes accións. Ademais da presentación neste congreso, está previsto celebrar un workshop virtual dirixido a axencias de viaxes e operadores especializados, que probablemente teña lugar a principios de outubro, co apoio de Expourense.