Os obxectivos principais da Credencial dixital do peregrino que se presentou onte en Santiago nun acto coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo é evitar o contacto persoal e afondar na prestación de servizos dixitais que faciliten a peregrinación no Camiño de Santiago.
Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia, órgano dependente da Vicepresidencia 1ª da Xunta de Galicia, destacou esta nova aplicación dixital como unha iniciativa que vai permitirlles aos peregrinos obter a Credencial e selala dun xeito telemático á vez que se vai facendo a ruta, o que, “ademais da comodidade que supón, evitará tamén todo contacto persoal”, manifestou.
Desde o punto de vista sanitario, segundo indicou Nava Castro, esta é unha iniciativa que se une ás xa implementadas pola Administración autonómica tendentes a evitar contaxios e a expansión da covid-19, “tales como os manuais de actuación para albergues ou a formación para propietarios e persoal destas instalacións”.
Traballo conxunto
Por outra parte, na presentación da APP da Credencial dixital do peregrino, a directora de Turismo de Galicia referiuse ao traballo conxunto que realizan a Xunta de Galicia e a Igrexa para que o “Camiño sexa cada día máis seguro e os centos de miles de persoas que aman a Ruta Xacobea manteñan a confianza nela”, engadiu.
Polo que respecta á vertente tecnolóxica da aplicación, Castro explicou que a nova ferramenta únese tamén a unha serie de medidas implementadas desde a Administración autonómica como son a Central de reservas de albergues públicos online ou o plan de instalación de sistemas wifi en cada unha destas instalacións. “Todo para que a experiencia do peregrino sexa cada día máis cómoda, acorde cos tempos que vivimos pero sen a perda de autenticidade”, exclamou a titular de Turismo de Galicia.
A Credencial dixital estará dispoñible en varios idiomas para as plataformas iOS e Android, mostrará tamén as distintas rutas do Camiño de Santiago e, ademais de posibilitar a captura dos selos dixitais a través de códigos QR, permitirá a integración dos datos no Rexistro do peregrino.